O Museo Gaiás acolle xa a Biblia Kennicott, obra mestra da iluminación medieval creada na Coruña no século XV

Fotos: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 02 de Novembro de 2019

A Cidade da Cultura acolle xa no Museo Centro Gaiás a Biblia Kennicott, obra recoñecida como unha das xoias da ilustración medieval e un dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo. Creada na Coruña no século XV, a Kennicott é a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia na Baixa Idade Media e será exhibida en Galicia, un relato no mundo, a primeira exposición internacional do Xacobeo 21, organizada pola Xunta.

Custodiada nas Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o manuscrito poderá verse en España por vez primeira máis de cincocentos anos despois do exilio dos seus propietarios, unha importante familia de comerciantes da Coruña que se viron obrigados a marchar tras o decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos en 1492.

A obra instalouse esta mañá no Museo Centro Gaiás tras unha minuciosa comprobación de todas as variables de temperatura, humidade ou seguridade que garantan a súa perfecta conservación por parte da técnica das Bibliotecas Bodleian, que acompañou a obra na súa viaxe desde Oxford, Madeline Slaven. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, estivo tamén presente, xunto ao equipo da Cidade da Cultura, durante a súa instalación en sala.

Tres obras do Reino Unido

Tamén durante esta mañá foron instaladas en sala outras dúas obras procedentes do Reino Unido que se poderán visitar nesta exposición. Trátase por unha banda da novela de cabalería Pontus e Sidonia, na súa versión traducida por Leonor de Estuardo –filla do rei Xaime I de Escocia e arquiduquesa de Austria– e conservada na National Library of Scotland en Edimburgo. Esta novela, ambientada en Galicia, Bretaña e Inglaterra, contou cunha extraordinaria difusión entre a aristocracia europea dos séculos XV e XVI.

Por outra banda chegou tamén á Cidade da Cultura o Mapa de Sawley, considerado un dos mapas enciclopédicos máis antigos conservados, que no século XII representou a catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa. Esta histórica peza consérvase actualmente na Parker Library de Cambridge, que xunto ás Bodleian conforman precisamente dúas das maiores e máis prestixiosas bibliotecas universitarias de todo o mundo, que colaboran con esta exposición prestando dúas das súas xoias bibliográficas.

Historia da Biblia Kennicott

A Biblia Kennicott rematouse na Coruña o 24 de xullo de 1476, por encargo dun importante comerciante da cidade, Don Isaac, fillo de Salomón de Braga. Poucos anos despois –arredor do 1492-1493–, Isaac e a súa familia tiveron que marchar da Coruña por mor do Edicto de Granada, levando moi posiblemente a Biblia con eles.

O libro seguiu un azaroso camiño por Portugal, o norte de África e Xibraltar e durante 300 anos estivo desaparecido. En 1771, Benjamin Kennicott, responsable da Biblioteca Radcliffe da Universidade de Oxford, xestionou a súa adquisición para os fondos da institución. En 1872 a Biblia sería transferida ás Bibliotecas Bodleian, tamén da Universidade de Oxford, onde continúa ata hoxe.

‘Galicia, un relato no mundo’

Súmanse así a outras máis de 300 obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo entre as que destacan pezas como a Santa de Francisco Asorey, o Libro das Invasións, o Itinerario de Exeria, o Cancioneiro da Vaticana, ou dous Liber Sancti Iacobi –versións do Códice Calixtino compostelán, procedentes da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca–.

A exposición, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e que se poderá visitar de balde no Museo Centro Gaiás desde o 15 de novembro ata o 12 de abril de 2020, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración.

 
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Detalle da Biblia Kennicott. Fotos: Manuel G. Vicente