O 'Gaiás secreto' amósase en novas visitas á arquitectura, zonas verdes e espazos restrinxidos ao público

Santiago de Compostela, 03 de Abril de 2019

A Cidade da Cultura pon en marcha a partir do 13 de abril un novo servizo de visitas comentadas, Gaiás secreto, que amosará a súa arquitectura e as súas zonas naturais dun xeito máis exhaustivo, á vez que terá un compoñente máis exclusivo, ao incorporar lugares habitualmente restrinxidos ao público como son a galería subterránea que comunica o complexo, as sobrecubertas dos edificios e os sofisticados depósitos bibliográficos.

As visitas comentadas Gaiás secreto estarán activas todos os sábados do ano ás 11.30 horas e ampliaranse aos xoves e aos venres en Semana Santa e nos meses de xullo e agosto, período no que ademais de ofrecerse en galego e castelán tamén se poderá dispoñer deste servizo en inglés un deses tres días.

Deste xeito, xa se poden mercar as entradas —en Ataquilla.com, no Museo Centro Gaiás e na páxina web da cidadedacultura.gal— para a partir do 13 de abril coñecer a fondo, da man dun dos guías do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao visitante da Cidade da Cultura, a historia e as claves deste complexo arquitectónico que representa un dos exemplos máis interesantes da arquitectura contemporánea de España.

En Gaiás secreto, os e as visitantes poderán explorar esta urbe de cuarcita e cristal deseñada polo norteamericano Peter Eisenman coñecendo polo miúdo o Museo Centro Gaiás, cunha fachada de 43 metros; a Biblioteca e Arquivo de Galicia, cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade; e as Torres Hejduk, pensadas polo arquitecto John Hejduk como un invernadoiro vertical para Santiago, e trasladadas despois ao Gaiás, onde acolle intervencións artísticas.

Acceso a espazos restrinxidos ao público


Gaiás secreto
tamén supón para os e as participantes acceder dun xeito exclusivo ao armado arquitectónico da Cidade da Cultura, xa que estas visitas comentadas inclúen espazos habitualmente restrinxidos ao público como son: a galería subterránea que comunica o complexo e as sobrecubertas dos edificios, á vez que poder ver por dentro os sofisticados depósitos bibliográficos.

Finalmente, todos e todas aquelas que fagan uso deste servizo terán a oportunidade de gozar dunhas visitas panorámicas de Compostela desde unha perspectiva pouco habitual, como é a do miradoiro do Bosque de Galicia. Gaiás secreto trátase en definitiva de amosar nun completo e exclusivo percorrido —limitado a só 20 persoas por quenda— para explorar unha das infraestruturas contemporáneas máis singulares de España.