Música e creación visual contemporánea reivindican a pegada das compositoras do barroco nas 'Matinais Musicais' do Gaiás

Santiago de Compostela, 21 de Novembro de 2021

As Matinais Musicais de outono da Cidade da Cultura de Galicia foron o escenario elixido por Gallaecia, Ensemble Barroco para a estrea de Oh, Rosas Vivas!, primeira actuación en público desta nova agrupación galega. Un concerto que combinou música, palabra e audiovisuais para reivindicar e redescubrir as compositoras da música barroca esquecidas polo paso do tempo.

Coas entradas esgotadas, Gallaecia, Ensemble Barroco ofreceu un espectáculo único no que as imaxes creadas polos artistas Yoseba Murazábal e Laura Iturralde e as palabras da poeta María Lado achegaron unha nova ollada sobre as obras dos séculos XVII e XVIII interpretadas polos músicos. Unha exploración das marxes entre a música, a pintura e linguaxe audiovisual que se xestou durante o mes de novembro como parte das accións para promover a creación artística galega que está a desenvolver a Cidade da Cultura.

Gallaecia, Ensemble Barroco é un grupo de nova creación que conxuga tradición e vangarda na procura de novos públicos e aposta polo talento creativo galego. A formación conta con intérpretes da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Real Filharmonía Galega, así como músicos especializados na música antiga, barroca e renacentista. 

Oh, rosas vivas! foi segundo concerto das Matinais Musicais de outono do Gaiás, pensadas para achegar o Jazz, a música a capella e a música barroca a todos os públicos. O ciclo remata o próximo domingo 12 de decembro coa actuación do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.