Mesa redonda no Gaiás sobre o fútbol galego feminino contado polas súas protagonistas

Santiago de Compostela, 06 de Marzo de 2019

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiron esta tarde á Xornada Valor e mestría. O fútbol galego contado pola súas protagonistas, que tivo lugar na Cidade da Cultura.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella indicou que o potencial educativo do deporte é un eixe fundamental para a consecución da tolerancia, da igualdade e da non violencia, tanto na sociedade en xeral como no deporte en particular, polo que é preciso reivindicar e promocionar o valor da muller en todas as súas facetas e modalidades no mundo do fútbol e fútbol sala.

Precisamente, a mostra Valor e mestría. Galicia como fútbol (aberta ao público ata setembro na Cidade da Cultura) dá a coñecer máis polo miúdo historias exemplares como a de Verónica Boquete, referente do fútbol feminino na actualidade; a da porteira Irene, pioneira deste deporte en Galicia e capitá dun equipo de homes a principios do século XX; ou a historia do Karbo, da Coruña, primeiro equipo campión de España de fútbol feminino nos anos 80.

Pola súa banda, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, fixo referencia á relación do fútbol galego coa cultura, especialmente coa literatura ou a pintura. Deste xeito, lembrou que o título da exposición corresponde á descrición que deste deporte fixo o escritor Eduardo Blanco Amor, mentres que a imaxe gráfica da mostra é autoría do artista Antón Pulido. Así mesmo, afirmou que revisar a historia do fútbol en Galicia é facer un percorrido pola historia do país e engadiu que a celebración de actos como o de hoxe permiten coñecer de primeira man a historia do fútbol e a quen a forxou.