Medio centenar de creadores e científicos imaxinan a 'Galicia futura' na grande exposición do Xacobeo en 2021

Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral
Santiago de Compostela, 31 de Maio de 2021

A Xunta de Galicia convida a medio centenar de creadores, dos ámbitos das artes plásticas, as letras, as ciencias ou o audiovisual, a imaxinar xuntos a Galicia futura, título da que será a grande exposición do Xacobeo neste ano 2021. A mostra inaugurarase no Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura o vindeiro 14 de xullo e estará comisariada por Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello, coñecidos nas plataformas dixitais como @elbarroquista e @deborahciencia, dous galegos que nos últimos anos se situaron entre os divulgadores máis dinámicos e recoñecibles no eido artístico e científico.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou na rolda de prensa de presentación deste proxecto, que a exposición funcionará “como unha plataforma para dar a coñecer canto de innovación se está facer en Galicia”, pero tamén como un “elemento reactivador do sector cultural”.

“Unha vintena de proxectos culturais foron encargados e estanse a desenvolver con motivo desta exposición, unha mostra que incorpora unha enorme dimensión de apoio á creación en Galicia nun momento no que se precisa”, engadiu o titular de Cultura do Goberno galego, quen subliñou que estamos ante un proxecto netamente galego, que, en si mesmo, reflicte a capacidade da nosa Comunidade para artellar propostas culturais de envergadura.

Ademais do titular de Cultura e dos comisarios da exposición, o anuncio deste proxecto contou coa presencia dos membros do comité de colaboradores, 19 persoas entre os que se atopan algúns dos artistas e científicos con máis talento de Galicia, como o cineasta Oliver Laxe, a catedrática en telecomunicación Edita de Lorenzo, a cantante e compositora Wöyza, a chef distinguida cunha Estrela Michelin Lucía Freitas ou o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Carlos Salgado. Desde o ámbito científico, o comité asesor da exposición conta tamén coa médica e investigadora, coordinadora do Grupo Cellcom do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, María D. Mayán, e co catedrático de Química da Universidade da Coruña, Moisés Canle.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manuel Núñez Seixas; a profesora de Economía da mesma universidade, María Loureiro; o comisario e director da Fundación Didac, David Barro; o arquitecto Carlos Quintáns, a deseñadora Nuria Carballo ou a profesora de secundaria Marisa Calderón participan tamén neste proxecto, que conta ademais con profesionais máis vinculados ao mundo empresarial, de ámbitos como o tecnolóxico, agroalimentario, turístico ou do deseño.

Neste sentido, completan a listaxe de asesores nomes como os da deseñadora de proxectos en Insólito Diseño + Producto, María García Alén; o xerente da adega Vía Romana, Juan Luis Méndez; o manager en IBM Quantum Cloud and Software, Ismael Faro; o CEO e fundador de Torusware, Guillermo López Taboada; a presidenta do Cluster de Empresarios de Galicia, Patricia García; ou o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal.

Terceira exposición do Xacobeo

Con Galicia futura péchase a triloxía de grandes exposicións organizadas pola Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo, que comezou con Galicia, un relato no mundo e continuou con Galicia, de Nós a nós para chegar agora a unha mostra que se pregunta como imaxina Galicia o seu propio futuro a través dun suxestivo diálogo entre arte e ciencia, entre tecnoloxía e creatividade. A mostra toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa Comunidade en diferentes campos, explorando un futuro desexado e posible, a partir do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda.

Precisamente nun momento no que se cumpre a primeira década de apertura ao público da Cidade da Cultura, Galicia futura suporá tamén, destacou o conselleiro, “unha innovación en canto a contidos e formato, unha ampliación do que estaba a acoller ata agora o Museo Centro Gaiás, reunindo unha escolma artística de enorme calidade, pero colocando tamén a ciencia e a tecnoloxía nun lugar protagonista”.

Exposición viva e colectiva

Neste sentido, a mostra proponse amosar o que se está a facer desde distintas áreas do coñecemento, explicou a súa comisaria Deborah García Bello, na procura de “facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión e como a creatividade –inherente ao eido das artes pero tamén ao científico e tecnolóxico– unida ao talento e ao esforzo se traduce en pulos cara ao futuro en diferentes momentos da Historia”. Miguel Ángel Cajigal insistiu pola súa banda en que Galicia futura “convidará ás persoas visitantes a unha viaxe como a que fixemos nós como comisarios, na procura das claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia xa desde o momento presente, preguntándonos como queremos que sexa o futuro de Galicia sabendo que é case máis importante o camiño que nos leva a este futuro que o destino en si mesmo”.

Outro dos obxectivos da exposición é transcender as paredes do Museo Gaiás, abrindo procesos creativos propios. Por isto, non só exhibirá unha escolma do máis destacado da creación en Galicia nas últimas décadas, senón que incluirá tamén pezas artísticas realizadas especificamente para este proxecto, por parte de destacados nomes como Óliver Laxe, Marta Pazos ou Rubén Ramos Balsa, contribuíndo á imaxe viva, diversa e colectiva de Galicia que tenta ofrecer a exposición.

Galicia futura empregará, ademais, un formato e linguaxe expositiva innovadora na que é constante o diálogo entre ciencia e arte, entre creatividade, talento e avance tecnolóxico. A mostra apóiase en instalacións que convidan á interacción das persoas visitantes, nun importante peso do audiovisual e en pezas de destacada presenza visual para chamar a atención do público e afondar en diferentes conceptos ou áreas temáticas. Será, en definitiva, un escaparate da innovación galega en todos os eidos, desde a enxeñaría ás artes plásticas.

Comisariado de ‘Galicia futura’

Deborah García Bello (A Coruña, 1984), @deborahciencia, é química e divulgadora científica. Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de formación e transferencia científica de L'Oréal. Traballa tamén como divulgadora en diversos programas de televisión e radio a nivel autonómico e nacional.

Miguel Angel Cajigal Vera (A Coruña, 1981), @elbarroquista, é historiador da arte e divulgador cultural. Forma parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e dirixe o Máster en Educación en Museos e Espazos Culturais da Universidad Miguel de Cervantes. É membro do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e do Consello Internacional de Museos (ICOM) e colabora como divulgador con diversos medios de comunicación galegos e estatais.

 
Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral
Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral
Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral
Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral
Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral
Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral
Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral
Presentación 'Galicia futura'. Foto: Óscar Corral