Inaugurada a mostra ‘Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación’

Inaugurada a mostra ‘Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación’
Santiago de Compostela, 16 de Marzo de 2018

 

A Cidade da Cultura acolle desde este venres, 16 de marzo, a mostra máis ambiciosa realizada, ata o momento, sobre a arte galega: Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación. A exposición presenta unha selecta escolma de 192 obras procedentes das dúas coleccións corporativas de arte máis senlleiras da comunidade e entre as máis importantes de España.

Por vez primeira, unha mesma exposición reúne obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro ou Antía Moure, entre outros moitos ata completar un total de 119.

Este importante proxecto expositivo foi inaugurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas; e o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.

O Museo Centro Gaiás acollerá ata o 14 de outubro esta escolma de pinturas, esculturas, fotografías e instalacións que supón unha oportunidade única para achegarse ao proceso de construción da nosa identidade cultural e comprender a dimensión universal da arte galega. Á vez, esta exposición facilítalle a toda sociedade o acceso ao relevante patrimonio artístico que posúen as importantes coleccións privadas de ABANCA e Afundación.

Actuación musical

A inauguración contou coa actuación especial de Alejo Amoedo, ao piano, e Asterio Leiva, ao clarinete, para interpretar dous movementos dunha sonata de Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Madrid, 1993), un dos compositores máis importantes do século pasado, que tivo unha vinculación moi estreita coas correntes artísticas do momento.

Programa de actividades

Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación estará aberta ao público de martes a domingo, con entrada de balde, e contará cun amplo e variado programa de actividades e visitas guiadas e didácticas co fin de contribuír á difusión das obras, cunha especial atención á comunidade escolar, pero tamén aos amantes da arte, co obxectivo de incrementar a afluencia de turismo cultural.

O atractivo da exposición vén reforzado polo deseño da montaxe, a cargo do recoñecido estudio galego de arquitectura Abalo e Alonso, que desenvolveu un proxecto para realzar o valor singular das pezas e establecer un diálogo harmónico coa potencia visual do Museo Centro Gaiás.

O catálogo da exposición, en galego, castelán e inglés e editado polo estudio galego Desoños, representará unha obra de referencia para o coñecemento da arte galega, que permanecerá máis alá da clausura da exposición.

A exposición organiza as obras seguindo un criterio temático, no que as pezas se agrupan ao redor de cuestións como a cultura popular, a presenza da muller na arte, o compromiso social, a paisaxe, o retrato, a tradición e a renovación ou os movementos da nova arte galega.

A través deste discurso Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación permite comprender como a construción da arte galega é o resultado de dous factores: do compromiso dos artistas coa identidade e por outra banda, da súa vocación de universalidade, reflectida na ligazón coas tendencias e movementos internacionais.

Pódese descargar información e materiais a través deste enlace.