Formación para apoiar proxectos emprendedores no eido cultural, de mozos e mozas en situación de desemprego

Centro de Emprendemento do Gaiás (Foto: Óscar Corral)
Santiago de Compostela, 04 de Novembro de 2019

Desde hoxe e ata o vindeiro 20 de decembro, un total de 25 mozos e mozas menores de 30 anos á procura de ampliar e mellorar as súas competencias profesionais poderán formarse na Cidade da Cultura a través do programa Transformación dixital, xestión empresarial e emprendemento nas industrias culturais e creativas. Trátase dunha iniciativa formativa da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, co-financiada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e pola Fundación Incyde, a través do Fondo Social Europeo. O curso, dirixido a fomentar a creación de proxectos emprendedores no eido cultural e creativo e apoiar a formación de mozos e mozas, enmárcase no programa Operativo de Emprego Xuvenil e desenvolverase todas as semanas no Centro de Emprendemento do Gaiás.

Na apertura do curso, celebrada esta tarde no Gaiás participaron a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Mary Cardeso; o director de proxectos da Fundación Incyde, Efrén Miranda; e a coordinadora do Centro de Emprendemento, Berta Álvarez-Buylla.

O curso está dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos que non se atopan empregados nin participan nos sistemas de educación ou formación, vinculados ao mundo cultural e con interese en coñecer a importancia das industrias culturais e creativas, e a persoas emprendedoras que conten cunha idea de negocio e desexen realizar un proxecto viable de creación de empresa cultural para o seu posterior posta en marcha.

A formación inclúe módulos sobre temas como marketing dixital e estratexia; creatividade e innovación; branded content, social media e communitiy management; posicionamento SEO e SEM; ferramentas, datos e métricas; ou xestión financeira e xurídico-fiscal.

Ademais das sesións de formación conxunta, nas que se impartirán os contidos xerais do programa, o curso inclúe accións de acompañamento e titoría individualizada –destinadas a orientar a cada alumno en función do seu perfil profesional– e sesións de mentoría e seguimento –destinadas a apoiar aos participantes na creación do seu proxecto emprendedor–.

O emprendemento na Cidade da Cultura

Esta acción formativa vén sumarse á programación da Cidade da Cultura en torno ao emprendemento no eido das industrias culturais. Neste senso, o empredemento figura, xunto coa tecnoloxía e a cultura, como un dos tres eixes nos que opera o Gaiás, cun Centro de Emprendemento polo que desde a súa creación en 2012 pasaron máis de 400 proxectos innovadores que puideron beneficiarse do seu apoio e recursos. O CEM ofrece un espazo de coworking e un viveiro de empresas, ademais dunha área tecnolóxica na que compañías punteiras están desenvolvendo proxectos de apoio a start-up galegas.

Máis aló dos recursos dirixidos aos emprendedores con sede na Cidade da Cultura, o Gaiás desenvolve unha programación anual que ten por obxecto estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, con accións formativas ou eventos como os Premios Gaiás Sixto Seco; o festival de artes e emprendemento Audacia, ou os encontros Atlantic Emprende+Gaiás, arredor da industria musical.  Só en 2018 programáronse máis de 70 actividades en torno á creación e á innovación, ás que asistiron arredor de 14.000 persoas, mentres que desde 2012 pasaron por este Centro do Gaiás máis de 400 proxectos innovadores.

 
Centro de Emprendemento do Gaiás (Foto: Óscar Corral)
Centro de Emprendemento do Gaiás (Foto: Óscar Corral)