A exposición ‘Nicolás Muller. Vento Norte’ despídese desta fin de semana do Gaiás tras recibir 15.000 visitas

Santiago de Compostela, 02 de Novembro de 2023

A exposición Nicolás Muller. Vento Norte despídese este domingo 5 de novembro do Museo Centro Gaiás logo de recibir preto de 15.000 visitas desde o mes de xullo. A mostra descobre os traballos menos coñecidos que o fotógrafo de orixe húngara realizou nos anos 60 do pasado século en Galicia e nas comunidades do Cantábrico español, así como unha selección das súas imaxes máis célebres.

As xentes traballadoras, a paisaxe, as festas e a vida cotiá en vilas e cidades son as protagonistas dunha exposición que pon en valor a fotografía como fiestra aberta á memoria do noso pasado recente. Recupérase, ademais, o encadre orixinal cadrado co que Muller realizaba case sempre as instantáneas, permitindo apreciar a calidade artística das fotografías.

En total, 131 imaxes procedentes do Museo de Bellas Artes de Asturias, o Fondo Ana Muller —filla do fotógrafo— e o Archivo Regional de la Comunidad de Madrid que reconstrúen o devalar de Nicolás Muller por Europa e as súas viaxes por España para documentar a riqueza cultural e paisaxística das diferentes rexións do país.

Pensar antes de disparar

Discípulo confeso de Cartier-Bresson e da súa idea do “instante decisivo”, Nicolás Muller foi un perseguidor infatigable da realidade, á que se achegou sempre como un observador consciente e comprometido. A figura humana adquire un protagonismo central na súa obra, tanto nos retratos como nas instantáneas que mostran a dignidade e a dureza do traballo das xentes máis humildes.

Precisamente esta mirada humana e pausada é a que está a cultivar o alumnado de ESO e FP participante na actividade didáctica Pensar antes de disparar, organizada pola Cidade da Cultura para esta última semana da mostra. A fotógrafa galega Carla Andrade é a encargada de impartir este obradoiro, que se desenvolve en dúas xornadas, os días 31 de outubro e 7 de novembro, e no que as e os estudantes empregan cámaras analóxicas para explorar o potencial creativo e transformador da fotografía.

Retratos da vida urbana e labrega

Nicolás Muller (Hungría, 1913 – Asturias, 2000) foi testemuña privilexiada coa súa cámara dunha das épocas máis convulsas da historia recente europea. Nacido no seo dunha familia xudia, o seu devir vital e profesional levárono desde Hungría ata Francia, Portugal, Marrocos e finalmente España, fuxindo da Segunda Guerra Mundial e na procura da paz e da liberdade.

En España recibe nos anos 60 a encomenda de realizar fotografías para unha serie de libros ilustrados de carácter turístico sobre as diferentes rexións do país. Alén de monumentos e paisaxes, Muller puxo especial atención en retratar a vida urbana e labrega, tamén os traballos relacionados coa pesca e a minería. Moitas destas fotografías, que forman o groso da exposición Nicolás Muller. Vento Norte, permaneceron inéditas ata hoxe ou foron publicadas con recortes verticais e horizontais sobre o encadre orixinal.

Daquela Galicia de mediados do século XX, o gran fotógrafo documental inmortalizou a vida nas rúas e mercados de Betanzos, Combarro, Ourense ou Santiago de Compostela, así como os portos de Vigo, O Grove e A Guarda, entre outros. Estas son as imaxes que José Ferrero Villares, comisario, e Ana Muller, filla do fotógrafo, recuperaron para a exposición que pecha as súas portas esta fin de semana no Museo Centro Gaiás.