Expertos galegos, nacionais e internacionais, consultados na elaboración do II Plan Estratéxico do Gaiás

Santiago de Compostela, 10 de Xuño de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia convidou a profesionais da xestión cultural, responsables de centros internacionais e Capitais Europeas da Cultura, e tamén a entidades privadas que realizan labores de mecenado no eido das industrias creativas, a reflexionar e achegar propostas de mellora sobre o complexo en diversos paneis de discusión. Este programa de traballo con expertos completarase con 600 enquisas en liña que incorporarán a visión da cidadanía e servirá para trazar as liñas mestras do II Plan Estratéxico do Gaiás, que marcará a folla de ruta da Cidade da Cultura nos próximos sete anos.

Neste proceso participativo foron convidados a dar a súa visión representantes de destacados proxectos e centros culturais a nivel internacional, como o director artístico de Bios Organization (Atenas) e presidente da European Creative Hubs Network, Vassilis Charalampidis; a directora adxunta do Museu Serralves do Porto, Marta Almeida; o director do festival Le Guess Who? (Utrech), Bob Van Heur; o director de Inside Track (Liverpool), Neil Peterson; ou o director artístico de GNRation (Braga), Luis Fernandes, que participaron nun dos paneis de discusión –realizado por videoconferencia dado o seu carácter internacional–.

Unha segunda mesa de traballo contou coa participación de expertos en programación cultural de Galicia e de España, como o ex-director de Medialab Prado, Marcos Rodríguez; o ex-director de Matadero Madrid e director da galería Salut au Monde do Porto, Pablo Berástegui; o co-director do festival Sinsal, Luis Campos; o director da Culturgal, Xosé Aldea; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar; e a representante da Fundación Paideia, Luisa Gallego, que foron recibidos polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Por último, o Gaiás quixo contar tamén coa visión de entidades privadas que habitualmente realizan labores de mecenado no eido das industrias cretivas, como La Caixa, Viaqua ou Adegas Martín Códax, así como representantes do eido turístico –a través do Cluster de Turismo de Galicia– e de axencias creativas como Verve Creative Group.

As achegas de expertos sobre as liñas estratéxicas actuais e desafíos de futuro que encara a Cidade da Cultura nos vindeiros anos complementaranse cun proceso participativo e aberto –xa iniciado– para escoitar tamén a opinión da cidadanía a través de 600 enquisas online.

Folla de ruta para os anos vindeiros

As propostas de mellora recollidas incorporaranse á elaboración do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, que guiará a dirección do Gaiás durante o período 2021-2027. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliña a importancia de levar a cabo un proceso aberto, participativo e que incorpore a expertos, de tal xeito que as conclusións respondan ao que a sociedade agarda dun complexo cultural que este pasado xaneiro cumpriu os primeiros dez anos de vida desde a súa apertura ao público.

Superada unha fase de consolidación, a Cidade da Cultura preséntase hoxe como un equipamento onde a diario traballan case 700 persoas, cunha media de 600 eventos e actividades culturais ao ano e polo que cada exercicio pasan máis dun millón de persoas.
O futuro Plan Estratéxico debuxará as liñas de acción para un tempo marcado pola expansión da actividade, no que figuran como principais retos o impulso ao sector cultural, a internacionalización, así como o papel da Cidade da Cultura como factoría de contidos culturais para toda Galicia, na liña do que se está a facer coas exposicións, producindo mostras que logo se exhiben noutros espazos da Comunidade. Xunto a estes obxectivos, o plan abordará a integración do Fontán, e con el o apoio á investigación universitaria, especialmente no eido dos estudos do patrimonio.