En decembro as bandas populares mesturan a súa música con teatro e circo en dúas novas citas do ciclo Viraxes

Santiago de Compostela, 26 de Novembro de 2019

Xa están dispoñibles na billeteira do Museo Centro Gaiás os convites gratuítos para asistir a dous novos concertos do ciclo Viraxes, que en decembro volve traer á Cidade da Cultura espectáculos amenos e diferentes nos que as bandas de música se atreven a mesturar a súa música con formatos como circo e teatro.

Os sábados 7 e 14 de decembro, ás 17,30 horas, o público de todas as idades poderá gozar da música da Unión de Guláns e da Unión Musical de Meaño, que lle dan unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do grupo de teatro Todos Xuntos e o da compañía galega de novo circo Pistacatro. Crean así dúas propostas escénicas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos da casa. Ambos concertos son de balde, pero con prazas limitadas, polo que para poder asistir cómpre recoller con antelación o convite no Museo Centro Gaiás.

Os espectáculos foron galardoados na convocatoria dos premios Innova, promovida en 2019 pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para fomentar a experimentación e innovación no eido musical.

Plan familiar de sábado

A Unión de Guláns –unha das bandas máis antigas de Galicia cunha traxectoria que se remonta ao século XIX– interpretará na tarde do sábado 7 de decembro o espectáculo MIB: Músicos In Black, xunto ao grupo de teatro Todos Xuntos. Trátase dun proxecto teatral nado da colaboración entre ambas formacións artísticas e coa implicación de toda a veciñanza desta pequena aldea de Ponteareas. MIB tráenos un relato sobre a importancia da música na vida cotiá, contándonos en clave de humor os hilarantes sucesos que acontecen tras unha aterraxe alieníxena nunha aldea galega.

O sábado 14 de decembro o circo protagonizará o último dos espectáculos de Viraxes co proxecto Orquestra de malabares, da Unión Musical de Meaño e a compañía galega de novo circo Pistacatro. O espectáculo está concibido para asistentes de todas as idades, aínda que se dirixe especialmente a un público infantil e familiar, que de seguro gozará desta danza aérea nun diálogo escénico entre seis malabaristas e unha banda de música.

Carmina Burana en galego

O ciclo Viraxes arrancou o pasado mes de setembro coa popular Carmina Burana, de Carl Orff, interpretada no Gaiás pola Banda de Música Municipal de Valga, os solistas Esperanza Mara (soprano), Enrique Alberto Martínez (tenor) e Eliseu Mera (barítono), o coro Gli Appassionati, e baixo a dirección de Manuel Villar Touceda. Esta versión, a primeira tradución íntegra dos textos medievais ao galego, coa música orixinal, e feita e pensada para o público do século XXI, representouse no Museo Centro Gaiás ante un auditorio ateigado e reunindo no escenario máis de 150 artistas.