Conto musicado de Nadal con Soledad Felloza e a Esemble ConcertArt

Santiago de Compostela, 28 de Decembro de 2020

A Cidade da Cultura de Galicia continúa hoxe coa súa programación de Nadal e ofrecerá ás 18,00 horas no Museo Centro Gaiás un conto musicado da man da premiada narradora oral Soledad Felloza, acompañada polo cuarteto de cordas Ensemble ConcertArt. Todos os convites están xa esgotados, mais a actuación poderá seguirse por streaming a través da canle de Youtube e páxina web da Cidade da Cultura.

Este é o segundo concerto da programación de Nadal no Gaiás, tras o deste pasado sábado con Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, cuxo repertorio de cantos de Reis e panxoliñas interpretados con instrumentos tradicionais galegos espertou tamén un alto interese e esgotáronse todos os convites dispoñibles. No entanto, o concerto tamén se retransmitiu en liña para, deste xeito, compensar a limitación de prazas dispoñibles polas restricións que marcan as actuais medidas de seguridade sanitaria pola situación da covid-19.

No concerto desta tarde, a recoñecida e premiada narradora oral contará un típico conto de Nadal musicado con auxóxeres e panxoliñas propias desta época, da man de catro instrumentistas pertencentes á Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG).

Soledad Felloza é actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Actualmente é a directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Ten publicado A Cociñeira do rei (OQO, 2015) Premio Europeo de Narración Oral ao Mellor conto para a cativada, traducido ao portugués, polaco, e catalán e euskera; La Vuelta al mundo (La Fragatina, 2017) que está en castelán e tradución ao italiano. Tamén é columnista invitada en diferentes publicacións literarias e de teatro: Tantágora, Aedo, Clij ou Primer Acto.

Novo concerto o 4 de xaneiro

O alfinete á programación musical de Nadal no Gaiás virá de Uxía Lambona e a Orquestra Molona o 4 de xaneiro. Esta formación de música infantil recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro, pasando por outros moitos temas tradicionais, todos eles moi dinámicos, coa intención de facer partícipes a todos os nenos e nenas que asistan á actuación, ateigada de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

A asistencia tamén será a través de convites, que esta mesma semana se activarán na plataforma Ataquilla.com. En todo caso, o concerto tamén será retransmitido en liña a través da canle de Youtube e da páxina web da Cidade da Cultura.

Hai que lembrar que todos os concertos presenciais que se celebran na Cidade da Cultura realízanse seguindo rigorosamente o protocolo establecido ante a pandemia.