A Cidade da Cultura contará cun Bosque do Camiño con árbores plantadas por peregrinos chegados de todo o mundo

Santiago de Compostela, 11 de Marzo de 2019

A Cidade da Cultura contará  cun Bosque do Camiño con árbores autóctonas plantadas por peregrinos chegados de todo o mundo, que deixarán a pegada da súa experiencia na paisaxe da capital de Galicia.

O vindeiro sábado, día 16 de marzo, realizarase a primeira plantación, de carácter institucional, para a que se contará con representantes de diferentes colectivos e institucións vencelladas ao Camiño de Santiago, que serán os encargados de plantar as primeiras árbores nesta fraga, localizada no Bosque de Galicia —un dos grandes pulmóns verdes de Compostela conformado por 34 hectáreas e máis de 12.000 árbores autóctonas— e por onde discorre paralelo un tramo da Vía da Prata.

A partir desa data, a plantación abrirase a todos aqueles peregrinos que acrediten —coa Compostela ou os correspondentes certificados de Visita ou Deportivo— ter realizado un treito do Camiño de Santiago. Para poder participar só terán que inscribirse na páxina web da Cidade da Cultura —www.cidadedacultura.gal— en calquera das nove quendas dispoñibles, do 20 de marzo ao 13 de abril. para plantar ata un máximo de 250 árbores autóctonas.

En colaboración con SEAGA, empresa pública de Servizos Agrarios Galegas, as plantacións no Bosque do Camiño realizaranse dúas veces á semana, os sábados e mércores, de 11 a 13 horas. As persoas inscritas poderán desprazarse ao complexo deseñado por Peter Eisenman en autobús, tras ser recollidos na Oficina de Peregrinos de Santiago de Compostela. Precisamente, nesta instalación tamén terán acceso ao mapa coa ruta a pé á Cidade da Cultura —dispoñible tamén online en cidadedacultura.gal— desde o mesmo centro histórico, por se prefiren a descuberta polo patrimonio histórico e natural que une a Praza do Obradoiro co monte Gaiás.

Ano da Vía da Prata

O ano 2019 é para o Xacobeo o ‘Ano da Vía da Prata’ e debe incidirse no feito de que parte do trazado desta ruta, a chamada Calzada do Sar, discorre paralelo á cara oeste do Bosque de Galicia, no que se implicou dun xeito importante a cidadanía xa que, a través da campaña Ponnos verde, moitas familias e colectivos —sobre todo da comunidade educativa— achegáronse a plantar árbores autóctonas nas faldras do monte Gaiás.

Neste senso, na última fase de plantación participativa do Bosque de Galicia, rematada en 2018, decidiuse reservar unha parcela para que se convertera no Bosque do Camiño co obxecto de vencellar esta grande área natural da Cidade da Cultura co Xacobeo. Para iso, ofréceselles aos peregrinos que se achegan á Compostela a posibilidade de contribuír non só a paisaxe da cidade onde rematan o Camiño, senón tamén deixar unha pegada única e indeleble da súa experiencia.