A Cidade da Cultura abre un espazo de reflexión e acción contra a explotación sexual de mulleres e nenas a través da obra documental de Mabel Lozano

Santiago de Compostela, 25 de Novembro de 2021

Con motivo do 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, a Cidade da Cultura abriu un espazo de reflexión e acción ao redor de Chicas nuevas 24 horas, proxecto expositivo de Mabel Lozano que denuncia a trata con fins de explotación sexual.

A exposición, que poderá verse ata o 5 de decembro no Museo Centro Gaiás, retrata unha realidade que afecta de maneira especial a mulleres e nenas. Segundo o último informe sobre a trata publicado polas Nacións Unidas en 2020, máis da metade das vítimas identificadas a nivel mundial son mulleres e nenas, e delas, o 77% foron vítimas de tráfico con fins de explotación sexual.

Chicas nuevas 24 horas inaugurouse hoxe nun acto polo 25N que contou coa participación da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo e a directora de Chicas nuevas 24 horas, a activista e cineasta social Mabel Lozano.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor o compromiso da Xunta para con todas as vítimas de trata con fins de explotación sexual. O Goberno galego ofrece axudas para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral por parte das entidades que atenden a estas mulleres, este 2021 destinou 450.000 euros a 9 organizacións. En 2020 estas iniciativas acadaron unha participación próxima ás 700 persoas nestes programas. Tamén en 2021 mantense vixentes convenios con tres entidades para garantir vivendas de seguridade para as que desexan saír da situación de explotación. Un total de 32 mulleres e 8 menores utilizaron este recurso en 2020. López Abella lembrou, por outra banda, que Galicia é pioneira na elaboración e aplicación de protocolos de actuación sobre adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual coa Fiscalía Superior de Galicia, outro exemplo máis da sensibilidade que a Xunta ten para con este colectivo.

Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo destacou a importancia de dar visibilidade, sobre todo entre a xente moza, a unha grave problemática que afecta de maneira especial ás mulleres e ás nenas en todo o mundo. “A erradicación da explotación sexual pasa necesariamente pola sensibilización e a educación”, subliñou. Neste sentido, explicou que “Chicas nuevas 24 horas fai explícita unha realidade de violencia e desigualdade que non podemos ignorar, ao tempo que nos convida a pensar como podemos, desde os nosos ámbitos de responsabilidade, facerlle fronte”.

Comprometida co mundo da muller e os dereitos humanos, Mabel Lozano ten abordado a denuncia da explotación sexual e a violencia contra a muller en numerosas longametraxes e curtas ao longo da súa filmografía. O seu último traballo nesta temática, Biografía del cadáver de una mujer recibiu este ano o Premio Goya á mellor curtametraxe documental.

A escravitude como negocio

A través dunha selección de imaxes obtidas na viaxe-rodaxe do filme en España, Arxentina, Colombia e Perú, a exposición Chicas nuevas 24 horas mostra os métodos polos que a trata elimina as identidades das súas vítimas, reducíndoas a cifras e obxectos facilmente desbotables nun mercado que move 32.000 millóns de dólares anuais en todo o mundo.

Como actividades complementarias, a Cidade da Cultura programou esta semana visitas didácticas guiadas para o alumnado de Secundaria e Bacharelato e dous pases de balde do documental que deu orixe á exposición. As proxeccións, de balde previa inscrición a través da web da Cidade da Cultura, serán os días 25 e 27 de novembro ás 17 horas no Museo Centro Gaiás.

A exposición Chicas nuevas 24 horas conta co apoio da Fundación Cepaim e do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.