‘Atardecer no Gaiás’ arranca con Cecilia Krull, intérprete do tema da serie ‘La casa de papel’

Cecilia Krull
Santiago de Compostela, 01 de Xullo de 2019

A Xunta de Galicia inaugura este xoves, día 4, os primeiros solpores musicados de Atardecer no Gaiás na Cidade da Cultura. Este ciclo de concertos ao aire libre e con entrada de balde bota a andar co soul e o jazz de Cecilia Krull, compositora e intérprete de My life is going on, o tema máis coñecido da exitosa serie La casa de papel.

O fenómeno desta serie arrasou en medio mundo e, con el, a canción que se repite ao principio de cada episodio e acumula xa máis de 190 millóns de reproducións. Esa voz é a de Cecilia Krull, unha cantante de jazz nacida en Madrid hai 32 anos. A canción, que foi Disco de Ouro en Italia e Francia, encabezou as listas en países como O Brasil, Alemaña ou Turquía e de seguro vaise escoitar ao agocho do sol na Praza Central do Gaiás.

A estas melodías entre o jazz e soul daranlle relevo ao día seguinte, venres 5 de xullo, os ritmos de baile dos mexicanos Kumbia Boruka. As músicas de Colombia, México e Xamaica soarán enriba do escenario Cervezas Alhambra, que patrocina este ciclo, que conta ademais coa colaboración do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (Inaem).

Os músicos de Kumbia Boruka mesturan cun son moi moderno e actual a cumbia, o reggae e a salsa co obxecto -tal e como anuncia o significado do seu nome- de armar a festa na Praza Central da Cidade da Cultura, a partir das 21,00 horas, que é cando comezan todos os concertos de Atardecer no Gaiás.

Tras os ritmos de baile, pechará Atardecer no Gaiás desta semana a voz cálida da galega Laura Lamontagne. Esta emerxente actriz, compositora e intérprete (Lugo, 1993) ofrece un abano de estilos, nos que predomina a electrónica intimista. Sons do cotiá en galego e en inglés para pórlle banda sonora á caída do sol. A través dun engaiolante rexistro tonal fala nas súas letras do desexo e dos lugares comúns dos afectos.

Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que compoñen o ciclo Atardecer no Gaiás, que se celebrará na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto, nunha edición que lle dá visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova -como a cumbia ou electrónica deste venres e sábado- á vez que consolida a aposta por voces femininas, tal e como demostra o cartel desta semana. Toda a información de grupos e artistas en http://www.atardecernogaias.gal.

 
Cecilia Krull
Cecilia Krull
Concerto de Nathy Peluso en Atardecer no Gaiás 2018 (Foto: Aigiboga)