Arranca o Obradoiro de Novela Cidade da Cultura 2020

Santiago de Compostela, 09 de Marzo de 2020

A Fundación Cidade da Cultura botou a andar esta tarde na Biblioteca e Arquivo de Galicia o segundo Obradoiro de Novela Cidade da Cultura coa primeira clase a cargo do director do mesmo, o xornalista e escritor Javier Peña. Unha primeira quenda á que lle seguirán -todos os venres ata o 22 de maio- as clases teóricas de sete autores de éxito e de dous profesionais do mundo editorial co obxecto de brindarlles a súa experiencia, á vez que lles sirva de ponte cara ao profesionalismo para aqueles cun desempeño sobresaínte.

 Deste xeito, dáselle continuidade a unha actividade iniciada en 2019 co obxecto de potenciar e desenvolver o talento de novos valores da narrativa galega e que conta co apoio da axencia literaria profesional Rolling Word, a través da cal os e as participantes poderán establecer contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario sobresaínte, poderán tamén ingresar na nómina dos autores e autoras que representa.

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de darlles a benvida aos e ás participantes, aos que animou a tirar o “máximo proveito desta experiencia” que supón unha “oportunidade única de recibir clases maxistrais de autores galegos de éxito”.

Nove clases presenciais para aprender da man de quen escribe

Precisamente, sete escritores cunha traxectoria recoñecida tanto dentro como fóra de Galicia forman parte do profesorado do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que desenvolverá as nove clases presencias no Gaiás ata o 22 de maio, pero que non rematará ata o 27 de xuño, coa cerimonia de clausura e entrega de diplomas.

Ademais de Javier Peña tamén imparten o curso Antón Riveiro Coello ‒o último Premio Torrente Ballester‒ e Miguel Anxo Fernández, Xabier Quiroga, Arantza Portabales, Manuel Gago e Diego Giráldez. A experiencia desde o mundo da edición virá da man de Lourdes Díaz e do consultor editorial Siscu Pérez. Todos eles serán os encargados de fornecer os aspirantes a novelistas das ferramentas e recursos necesarios para levar adiante os seus propios proxectos literarios.
Ao longo de nove sesións formativas, os escritores compartirán os seus coñecementos sobre o estilo, os xéneros narrativos, a creación de personaxes ou a estrutura e tempos da novela. O obradoiro contará tamén con especialistas do mundo editorial, que ofrecerán as claves para afondar no mercado literario.

Microrrelato sobre o Camiño de Santiago

Os participantes levarán a cabo distintos exercicios como a elaboración dun microrrelato sobre o Camiño de Santiago, xa que esta segunda edición forma parte da programación do Xacobeo 2021.

A fase práctica iniciarase o 22 de maio, unha vez finalizadas estas clases formativas. A partir desta data, solicitaráselles que escriban as primeiras 40 páxinas dunha novela, na que amosen os coñecementos aprendidos durante o curso. A corrección do traballo farase de forma individual nunha última clase, o 26 de xuño, antes de pechar a actividade o 27 de xuño.