A Cidade da Cultura e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE Pontevedra) veñen de renovar o a súa colaboración para impulsar o emprendemento no Gaiás. A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o presidente de AJE Pontevedra, Pablo Fernández López, ratificaron esta mañá o convenio que dá continuidade ao acordo asinado hai un ano entre ambas institucións, nun acto celebrado na sede da asociación en Pontevedra.
Grazas a esta renovación, os participantes no XXIII Premio Xove Empresario do Ano poderán volver gozar, de maneira gratuíta, de dous espazos de coworking no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura (CEM), contando cun espazo de traballo e acceso a todas as infraestruturas e servizos do CEM para desenvolver os seus proxectos. A cesión será por un ano e estará acompañada de cursos de formación específica e asesoramento a custo cero para os agraciados.
O convenio contempla, ademais, a celebración de eventos de networking que faciliten o establecemento de sinerxias e a ampliación da rede de contactos dos emprendedores e emprendedoras. Do mesmo xeito, AJE Pontevedra levará a cabo actuacións de promoción e difusión do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia, co fin de transmitir os valores e difundir as actividades que se realizan no CEM, organismo que prestou apoio a máis de 600 empresarios noveis no últimos cinco anos.
Na actualidade, máis 350 persoas están a desenvolver as súas iniciativas emprendedoras desde o coworking e o viveiro de empresas do Gaiás. Tanto elas como os asociados de AJE Pontevedra serán os principais beneficiarios deste acordo, co que ambas institucións suman esforzos para seguir impulsando o emprendemento e a creación de emprego en Galicia.



