No Museo, pola cara

Gustaríavos ver o voso retrato exhibido nun museo? A Cidade da Cultura de Galicia faino posible! Vinde co voso colexio ao noso obradoiro creativo de fotografía No museo, pola cara e o voso selfie ou  retrato que lle fagades ou vos faga o voso compañeiro/a de clase quedará pendurado no Museo Centro Gaiás.

Iso si, antes os técnicos de  Servizo de Educación e Mediación da Fundación Cidade da Cultura e a fotógrafa Tamara de la Fuente compartirán con vós algúns segredos e trucos que manexan os grandes retratistas, como é o caso do galego Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo, 1907 – 2015) que inmortalizou coa súa cámara a Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa, Blanca Varela, Norah Lange, Dizzy Gillesie ou ao mesmo Man Ray e cuxas fotografías poden verse na exposición da Cidade da Cultura, Baldomero Pestana, a verdade entre as mans.

Da man destes profesionais e das fotografías de Pestana, aprenderedes a usar os vosos propios teléfonos móbiles e traballaredes con material profesional para explorar o mundo do retrato fotográfico. Neste obradoiro presencial aplicaredes os segredos da fotografía e poñeredes en práctica todo o voso talento visual para retratar e retratarvos, explotando os recursos expresivos da fotografía como unha das principais canles de comunicación deste século XXI.

Lembrade que os resultados máis logrados serán pendurados no Museo Centro Gaiás e expostos ao público entre a primavera e o verán de 2018, todo pola cara (e polo voso talento, claro)!

BIOGRAFÍA DE TAMARA DE LA FUENTE

Titulada superior pola Escola de Imaxe e Son de Vigo e especializada en retrato e moda pola Escola Internacional de Fotografía Grisart de Barcelona, as fotos de Tamara de la Fuente están presentes en medios de comunicación como Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Rockdelux, Luzes, Icon, Mondosonoro ou Cahiers du Cinema, entre moitos outros.

Ademais da súa traxectoria como creativa audiovisual e directora de arte en diferentes campañas publicitarias, destaca a súa actividade en festivais de prestixio como Carballo Interplay, Curtocircuíto e PlayDoc.