Con BlindWiki, mapeando o invisible, Antoni Abad convida a persoas con diversidade visual a compartir a través da arte as experiencias e dificultades que atopan na súa vida cotiá.
Pero BlindWiki non pretende ser só unha listaxe de barreiras á accesibilidade, senón que quere funcionar como un repositorio de historias creadas colectivamente, deseñadas para proporcionar unha perspectiva matizada da paisaxe urbana tal e como a experimentan a diario os invidentes e as persoas con visiblidade reducida. No marco deste taller de artista, organizaranse excursións de mapeado en grupo pola cidade da Cultura e as rúas de Santiago, onde os participantes rexistrarán gravacións de audio xeolocalizadas, constituíndo unha sorte de mapa sonoro que será accesible a través da app e na web do obradoiro.
Iniciado na Academia de España en Roma durante o 2015, BlindWiki aspira a converterse nunha rede internacional onde persoas con problemas de visión compartan e comparen o grao de accesibilidade de distintas cidades á vez que crean unha cartografía pública sensorial da que poda beneficiarse non só o propio colectivo, senón tamén o resto da sociedade.
Antoni Abad (Lleida, 1956). Premio Nacional das Artes Visuais da Generalitat de Cataluña e Premio Golden Nica Dixital Communities do Prix Ars Electronica en Linz, Austria. Entre 2004 e 2014 centra a súa actividade na realización de proxectos de comunicación audiovisual e internet, a partir do uso de teléfonos móbiles por parte de grupos en risco de exclusión en Europa, América e norte de África, que foron participantes activos destas experiencias, publicando día a día as súas propias crónicas audiovisuais en www.megafone.net. No outono de 2014 inicia na Real Academia de España en Roma o proxecto BlindWiki, no que está a traballar na actualidade.







