Sabías que durante a II Guerra Mundial o exército aliado empregou inchables para a construción de refuxios, para transporte e evacuación ou ata para fabricar tanques falsos cos que enganar o inimigo? Estas estruturas, nadas nun contexto bélico, rexurdiron posteriormente nos anos 50 e 60, no medio dun forte movemente pacifista, impulsadas con fines experimentais, lúdicos e baixo unha filosofía utópica e crítica: un espazo concibido de xeito sostible e efémero, construído con aquilo que non deixa pegada, o aire.
A arquitecta Nuria Prieto, artífice da instalación «Soños de Argonautas», é especialista en arquitectura inchable e proponnos unhas visitas especiais á obra que este Nadal adobía o Museo Gaiás, pensadas para que o público coñeza esta maneira de construír pouco habitual. Empregando materiais sinxelos —como plástico reciclable e cinta adhesiva— e co aire como elemento estrutural fundamental, poden construírse facilmente espazos efémeros nos que experimentar de maneira lúdica, sensorial e participativa.
Durante as visitas guiadas pola autora, destinadas a público adulto, as persoas asistentes percorren a instalación para descubrir como está construída, participando activamente na exploración, comprendendo de forma clara a arquitectura inchable e as múltiples posibilidades que ofrece.






