>> NOVA DATA: domingo 30 de marzo: Por mor da previsión meteorolóxica, a andaina inicialmente prevista para o 23 de marzo adíase ao seguinte domingo, 30 de marzo <<
Seguro que coñeces os parrulos da lagoa, pero sabías que no Gaiás habitan desde ferreiriños a morcegos, rás, rabirrubios, abesouros ou vacalouras? Ou que o lagarteiro peneireiro aniña cada ano no máis alto do Museo? Co arranque da primavera, na Cidade da Cultura sumámonos aos festexos do Día Internacional dos Bosques e do Día Mundial da Auga —21 e 22 de marzo, respectivamente— cunha andaina interpretativa polos espazos verdes do monte para descubrir a fauna e a flora que alí habitan.

Aproveitando a variedade natural das máis de 40 hectaréas de áreas verdes do Gaiás, gozaremos dun percorrido comentado para achegarnos á paisaxe galega e ás árbores e plantas que poboan os nosos bosques e fragas —como bidueiros, carballos, salgueiros ou freixos— e tamén a algúns dos seus pequenos habitantes, desde insectos a anfibios ou aves.
Unha actividade para coñecer de primeira man e polo miúdo unha contorna única da capital de Galicia, á vez que un xeito directo, didáctico e divulgativo de festexar dúas datas que nos lembran a importancia do respecto e o coidado do noso medio natural.
Neste percorrido de arredor de dous quilómetros e 120 minutos, coñeceremos os espazos do Xardín Literario, o Bosque de Galicia e o Parque do Lago. Ao longo do camiño, aprenderemos sobre os usos tradicionais e actuais de especies vexetais dos nosos montes —desde aplicacións medicinais ata o seu emprego na agricultura ou na construción— e realizaremos escoitas dos cantos das aves presentes, complementadas con gravacións das especies máis representativas dos espazos verdes da Cidade da Cultura, que poden ser complicadas de ver nun percorrido cun grupo grande e ruidoso.
Ademais, aprenderemos a usar aplicacións móbiles para o recoñecemento de aves e flora e finalizaremos cunha observación de aves no Parque do Lago.





