Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para comprender as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do saber, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.
O ciclo NEXOS volve neste 2014 propoñendo un diálogo entre a literatura e outras áreas de coñecemento, sexan a ciencia, as artes, o pensamento ou a sociedade. Ao longo de catro sesións abordaranse temas de actualidade ou inmemoriais, pero sempre tomando como fío condutor o eido literario para a continuación abrirnos a unha conversa fluída con outras disciplinas.
Herdeiro do "Galicia, Ceo das Letras", e coordinado por Marcos Lorenzo, o ciclo combinará relatorios, retruques e actuacións artísticas, achegándonos reflexións estimulantes desde un formato ameno e distendido. Para non perder o costume, as mañás dos sábados.
Nesta segunda edición de NEXOS exploraremos a pegada bélica na cultura europea cando se cumpre un século da I Guerra Mundial; preguntarémonos se as letras das cancións se poden considerar un xénero literario; renderemos unha homenaxe a Octavio Paz, un dos máximos expoñentes da intelectualidade latinoamericana; e analizaremos a presenza do 'malditismo' nas artes.
Catro sesións que actuarán a un tempo sobre o intelecto e os sentidos, excitando a nosa curiosidade e ofrecendo novas perspectivas sobre a realidade que nos toca vivir.




