1914 e a pegada da guerra na cultura occidental

En 2014 cúmprense cen anos do inicio da I Guerra Mundial, un conflito bélico dunha dimensión descoñecida até entón e que mudou fondamente o devir de occidente. A súa sombra macabra chegou até os nosos días a través da Guerra dos Balcáns, onde a memoria segue viva e o pesadelo continúa a torturar ás vítimas. Nesta sesión falaremos da guerra como fenómeno ancestral, constituínte das sociedades modernas e cuxo magma de brutalidade permanece latente. E farémolo da man do coñecemento que nos achega a historia contemporánea, pero tamén recorrendo a innúmeros artistas que deron conta desta temática, de Sófocles a Stanley Kubrick, de Homero a Howard Hawks, por citar só algún exemplo.

12:00 | Relatorio: Miguel Anxo Murado. Escritor, xornalista, guionista e realizador de documentais, é un dos autores galegos con maior proxección exterior. Tanto na súa faceta artística como profesional foi receptor de numerosos premios e recoñecementos. Exerceu de correspondente na Guerra dos Balcáns, así como en Xerusalén durante a segunda Intifada. Algúns dos seus libros máis destacados son Ruído. Relatos de guerra (Galaxia, 2005) e Fin de século en Palestina (Galaxia, 2008). Na actualidade colabora con La Voz de Galicia, Cadena Ser, BBC e The Guardian

13:00 | Recital poético: Deborah Vukusic. A actriz e escritora Deborah Vukusic fará unha lectura dramatizada da súa obra Guerra de identidad, un poema en constante escrita, que narra a descomposición da ex Iugoslavia en paralelo á da súa propia familia. 

 
Letras & Pensamento