A Cidade da Cultura acolle o debut da cantaora Marina Heredia coa Sinfónica de Galicia na súa programación de Nadal

Santiago de Compostela, 15 de Decembro de 2021

A Cidade da Cultura é o escenario elixido para o primeiro concerto da xira da Sinfónica de Galicia coa cantaora Marina Heredia, que fará o seu debut coa orquestra o 17 de decembro no Museo Centro Gaiás. Con esta actuación especial, a Cidade da Cultura dá comezo este venres á programación de actividades pensadas para gozar en familia do ‘Nadal no Gaiás’.

Filla e neta de cantaores, Marina Heredia medrou rodeada de flamenco e comezou a cantar desde moi nova, pisando por primeira vez os escenarios con tan só 12 anos. Ao longo da súa traxectoria, as súas inquietudes artísticas lévana máis aló dos circuítos tradicionais do flamenco, colaborando con orquestras e músicos de todo o mundo. 

A Sinfónica de Galicia estará conducida nesta ocasión por José Trigueros, percusionista primeiro e director asociado da orquestra. O programa elixido inclúe a obra “El corregidor y la molinera” de Manuel de Falla e unha escolma de cancións antigas españolas harmonizadas por Federico García Lorca. Ambos compartiron amizade e colaboraron xuntos en varias ocasións, ademais de ser dous dos compositores cos que Marina Heredia ten acadado maior recoñecemento a nivel internacional. José Trigueros é responsable da orquestración das cancións partindo da partitura para piano e canto que deixou o poeta granadino.

A actuación dará comezo ás 19 horas no Museo Centro Gaiás, logo do acendido da iluminación e da decoración de Nadal que este ano transformará o museo nun ‘Marabilloso Camiño de Inverno’ ideado pola deseñadora e escenógrafa galega Ana Inés Jabares-Pita. A programación da Cidade da Cultura para este Nadal complétase con teatro, obradoiros e espectáculos de maxia e circo, todas elas actividades pensadas para gozar destas datas en familia.