As ladeiras do Gaiás serán o Bosque de Galicia

Santiago de Compostela, 05 de Agosto de 2014

Especies autóctonas reforestarán as ladeiras do Gaiás dando lugar ao Bosque de Galicia. Este novo espazo verde de Compostela presentouse esta mañá por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; os conselleiros de Cultura, Medio Rural e Medio Ambiente -co-responsalbes do proxecto-; a directora da Escola da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre; e o alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández.

O proxecto do Bosque de Galicia suporá a intervención paisaxística nos terreos non urbanizados da Cidade da Cultura de Galicia, no monte Gaiás (Santiago de Compostela). Na súa primeira fase, implicará unha actuación sobre unha superficie de 24 hectáreas nas que se plantarán 9.000 árbores de especies autóctonas galegas, configurando un espazo verde e sustentable aberto a toda a cidadanía. 

A variedade de especies favorecerá a biodiversidade da zona e creará un novo pulmón verde que mellorará o metabolismo medioambiental de Santiago. Ao mesmo tempo, a construción de escaleiras e dunha rede de sendas peonís nas ladeiras do monte facilitará o acceso dos visitantes a pé, achegando a Cidade da Cultura á cidade de Santiago.

Un proxecto común

Coordinado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, o proxecto conta coa colaboración de tres consellerías da Xunta de Galicia: Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Medio Rural e do Mar e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Ademais, dispón do apoio da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e elaborouse tendo o conta os plans urbanísticos e as previsións de desenvolvemento de áreas verdes do Concello de Santiago de Compostela. 

A presentación do Bosque de Galicia tivo lugar nun emprazamento especial: o centro sociocultural “A Trisca” de Santiago, edificio icónico da capital galega que ofrece unha magnífica vista sobre as ladeiras do monte Gaiás e que foi deseñado por John Hejduk, arquitecto autor das dúas torres que levan o seu nome na Cidade da Cultura de Galicia.  

Proxecto en fases

O Bosque de Galicia acometerase de xeito progresivo en diferentes fases. A primeira (2014-2015) prevé actuacións sobre o sector norte do monte Gaiás. A situación dos dous edificios non construídos da Cidade da Cultura e as obras de urbanización aconsellan agardar para actuar sobre o sector sur, onde actualmente existen viais para o tránsito de vehículos de obras e instalacións das empresas construtoras. 

Co fin de garantir que o Bosque de Galicia sexa un espazo sustentable, o proxecto abordarase tendo en conta os seguintes principios de actuación: limitación de consumo de recursos naturais,  necesidade dun baixo mantemento, e a absorción dos residuos que xere.  

As actuacións previstas na primeira fase (2014-2015) serán: 

1.-Desbroce do conxunto. A actuación implicará o desbroce de toda a superficie, o que permitirá dar un aspecto máis nidio, limpo e coidado ao monte. Ademais, redundará nunha maior seguridade na época estival. 

2.-Acceso en vehículos. No actual vial de acceso por vehículos a Cidade da Cultura de Galicia levarase a cabo unha plantación de árbores florais de media altura, xerando un paseo arborado. 

3.-Ladeira oeste (cara a cidade de Santiago). Plantación de árbores autóctonos formando un fondo visual de bidueiros e, especialmente na base do monte e nos bordes superiores da plantación,  agrupacións doutras especies (carballos, espiños, castiñeiros, loureiros), e dispoñendo as árbores de maior porte nas cotas inferiores do monte. Os bordes e lindeiros se tratarán con vexetación específica. As áreas próximas ao cumio do monte, con escaso substrato de terra vexetal e, en xeral, pedregosas, se deixarán para fases posteriores, onde se creará unha alfombra de breixos. Procurarase o control das escorrentías da auga que permita a recarga do acuífero e a súa mineralización antes de alcanzar as Brañas do Sar, contribuíndo a mellorar a calidade destas auga e das zonas próximas. 

4.-Ladeira este (cara a O Viso). Recuperación dos trazados agrícolas do patrón anterior de ocupación desta zona, onde aínda se aprecia a presenza de prados, cómaros e, en xeral, a acción humana na topografía do monte. Seguindo ás suxestión realizadas polo Laboratorio de Arqueoloxía de Galicia, a acción podería completarse, a modo de proxecto musealizador, coa apertura de gabias lineais que permitan comprender a intervención do home sobre a paisaxe. Para esta ladeira en concerto se buscarán alternativas que permitan actividades produtivas non asociadas, ou polo menos non unicamente, ao lecer ou ocio.  

5.-Creación de sendas peonís. Organizarase unha rede de sendas peonís e de escasa pendente que permitan o acceso por todas as áreas cubertas polas acción anteriores, en coordinación coas escaleiras de acceso ao complexo e cos seus espazos públicos. 

O proxecto do Bosque de Galicia elaborase a partir dos estudios e achegas procedentes dos seguintes organismos e documentos: Plan Sectorial da Cidade da Cultura de Galicia, Proxecto de Eisenman Architects, Laboratorio de Arqueoloxía, Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago, Plan de Mobilidade da Cidade da Cultura de Galicia, Plan Especial Brañas do Sar, Estratexia Verde para o Concello de Santiago, Escola Galega da Paisaxe Fundación Juana de Vega.