Os Museos Arqueolóxicos e as persoas profesionais da arqueoloxía manteñen unha relación constante: os primeiros como depositarios do patrimonio arqueolóxico e as segundas como usuarias e investigadoras. Esta Xornada Técnica de Museos busca achegar o traballo das dúas partes, favorecer un mellor coñecemento mutuo e crear un espazo de encontro profesional onde compartir opinións, experiencias e liñas de futuro.
A cita terá lugar os días 24 e 25 de setembro de 2025 na Cidade da Cultura, reunindo especialistas de institucións galegas, do resto do Estado e de Portugal. Durante dúas xornadas, o edificio CINC acollerá conferencias, mesas redondas e debates arredor de temas clave como:
- O estudo dos neandertais da Península Ibérica.
- As investigacións e a xestión en museos arqueolóxicos estatais e autonómicos.
- Novas técnicas de documentación e rexistro do patrimonio arqueolóxico en Galicia.
- Experiencias internacionais como a do Museu de Arqueologia D. Diogo de Sousa (Braga).
- Proxectos de escavación e difusión en Galicia: Cova Eirós, a Domus do Mitreo, a necrópole de Arealonga ou o mikveh da Coruña.
- Retos na conservación, difusión e arqueoloxía preventiva a nivel provincial.
- A análise de evidencias arqueobotánicas en contextos anegados ou somerxidos do noroeste peninsular.
O encontro complétase cunha visita ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), que permitirá coñecer de primeira man as liñas de investigación máis innovadoras neste ámbito. Podes consultar o programa completo aquí.
A organización corre a cargo da Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos da Xunta de Galicia, e a inscrición pode realizarse a través do correo electrónico: servizo.museos.cultura@xunta.gal.





