X Encontro de Artistas Novos: #EAN10

No contexto actual de crise mundial producida pola COVID-19, o Encontro de Artistas Novos quere seguir a apostar por apoiar o traballo de creadores emerxentes. A Cidade da Cultura de Galicia converterase por décimo ano consecutivo nun espazo de encontro no que os creadores terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais.

Será no X Encontro de Artistas Novos, #EAN10, que se celebrará do 23 ao 27 de agosto de 2020  coordinado unha edición máis por Rafael Doctor. Como novidade neste ano, e de xeito excepcional, a participación no programa estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia, decisión tomada para, no contexto de incerteza e alerta sanitaria, minimizar no posible longos desprazamentos. Con todo, o EAN non perderá a súa cerna, na que está favorecer a convivencia entre os participantes, ademais de poñelos en contacto con outros axentes do sector como críticos, comisarios ou art followers. 

Nesta edición, o EAN traerá ao Gaiás catro figuras de recoñecida traxectoria como son Paula Rubio Infante, Chelo Matesanz, Oliver Laxe e Carlos Aires, que compartirán as súas experiencias e reflexións ao redor da arte. Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers que, desde o eido curatorial ou do xornalismo cultural, apoian os novos creadores e procuran estar ao corrente das novidades do mundo da arte emerxente. Serán Javier Díaz-Guardiola, Eduardo Valiña e Semíramis González. Cada un dos participantes no EAN realizará unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

PROGRAMA #EAN10

Como participar

O X Encontro de Artistas Novos conta cun total de corenta prazas ás que puideron optar profesionais nados entre 1985 e 2002 –ambos inclusive–, estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns, ou que demostrasen unha traxectoria ou proxecto artístico. Seguindo a senda iniciada no V EAN, dez das 40 prazas dispoñibles estiveron abertas a artistas maiores de 35 anos, que deberon reunir os mesmos requisitos que os demais candidatos. Con esta proposta, o EAN procurou formular un diálogo con artistas doutras xeracións nun proceso creativo aberto. 

A consecución dunha praza no EAN inclúe matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa, transportes diarios desde Santiago ata a Cidade da Cultura e transportes para as visitas aos centros de arte. O X Encontro de Artistas Novos está organizado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e enmárcase na programación do Xacobeo 21 e no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego.

As persoas interesadas deberon enviar a documentación requerida nas bases de participación ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org antes das 15:00 horas do venres 3 de xullo de 2020. Poden consultarse como foron as bases da convocatoria, o procedemento e boletín de inscrición no apartado de descargas ao pé desta mesma páxina. A documentación, así como calquera consulta sobre o procedemento, a este email: encontro@cidadedacultura.org.