Queres mergullarte na exposición Luz na Terra dun xeito diferente? Este outono o Museo Centro Gaiás organiza nas tardes dos martes un programa de visitas comentadas especiais a esta mostra conducidas por algúns dos maiores expertos de Galicia na historia e o legado do Seminario de Estudos Galegos.
O 17 de outubro, só cinco días depois da xornada en que se cumpren 100 anos daquela andaina a Ortoño que dou comezo oficialmente á historia do Seminario, o comisario da exposición, Ramón Villares, abre este ciclo de visitas guiadas. Catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi decano e reitor, Villares é hoxe un dos grandes historiadores de Galicia. As persoas asistentes a esta visita poderán coñecer, de primeira man e cun guía de excepción, o proceso de traballo e conceptualización da exposición e tamén o devir desta institución de espírito estudantil e afán investigador que marcaría de xeito determinante a modernización cultural e científica de Galicia.
O martes 24 de outubro será a quenda da vicepresidenta do Museo do Pobo Galego —unha das institucións 'herdeiras' do Seminario—, María Xosé Fernández Cerviño e, xa en novembro, o ciclo continuará o martes día 7 cunha visita conducida polo presidente da Fundación Castelao e un dos asesores documentais da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane.
A continuación, será a quenda do presidente do novo Seminario de Estudos Galegos, o científico e escritor Francisco Díaz-Fierros Viqueira —o 14 de novembro—, e do catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa e investigador do Instituto da Lingua Galega da USC, Henrique Monteagudo —o 21 de novembro—.
Xa para despedir este ciclo, o martes 28 de novembro terá lugar unha última visita especial, guiada por persoal do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e coordinada polo seu director honorario, Eduardo Pardo de Guevara. Neste encontro, porase de relevo o legado do Seminario de Estudos Galegos que atesoura o propio IEGPS como entidade científica do CSIC continuadora do labor investigador daquel nas disciplinas humanísticas. Afondarase así dun xeito especial das pezas procedentes do fondo do IEGPS que actualmente se exhiben na mostra Luz na Terra.
Para participar nestas visitas guiadas á mostra Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, só cómpre facer a reserva, de balde, seleccionando a quenda de preferencia na columna da dereita desta mesma páxina.
Calendario de visitas
- 17 de outubro | Ramón Villares. Comisario e catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC
- 24 de outubro | María Xosé Fernández Cerviño. Vicepresidenta do Museo do Pobo Galego
- 7 de novembro | Miguel Anxo Seixas Seoane. Presidente da Fundación Castelao
- 14 de novembro | Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Presidente do novo Seminario de Estudos Galegos
- 21 de novembro | Henrique Monteagudo. Catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa. Instituto da Lingua Galega/USC
- 28 de novembro | Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, coa coordinación do seu director honorario Eduardo Pardo de Guevara
