Visitas especiais | Explorar o ceo. Aprender astronomía

As visitas especiais á exposición Explorar o ceo. Aprender astronomía, guiadas por Fátima García Doval, directora do proxecto, ofrecen unha oportunidade única para descubrir en profundidade as historias, curiosidades e fitos científicos que agochan as pezas reunidas nesta mostra organizada en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Coincidindo coa véspera da eclipse total de Sol, este percorrido permitirá achegarse ao legado do ensino da astronomía en Galicia a través de libros, instrumentos e materiais históricos de extraordinario valor, así como coñecer o contexto no que foron empregados e a súa contribución á divulgación desta ciencia ao longo dos séculos.

Entre as pezas máis singulares destaca o Astronógrafo Navalón, un aparello pioneiro ideado en Santiago de Compostela en 1884 para ensinar astronomía a persoas cegas mediante o tacto, do que a exposición inclúe unha reprodución funcional que pode ser manipulada polo público. Xunto a el, a mostra reúne exemplares e instrumentos históricos que permiten seguir a evolución do coñecemento astronómico e da súa transmisión nas aulas desde o século XVI ata a actualidade.

Como complemento ao percorrido guiado, as persoas participantes poderán gozar da experiencia de realidade virtual Galiverso explora o ceo, unha proposta inmersiva que combina patrimonio, divulgación científica e tecnoloxía para descubrir os ceos de Galicia e achegarse aos principais fenómenos astronómicos dun xeito visual e interactivo.