A obra do fotógrafo Baldomero Pestana (1918-2015) reunida por primeira vez nunha exposición antolóxica. Autor pouco coñecido polo gran público, o seu traballo foi publicado en medios de prestixio internacional como a revista Life e retratou algún dos máis destacados intelectuais e artistas do século XX coma Gabriel García Márquez, Man Ray ou Dizzy Gillespie. A exposición supón a primeira grande oportunidade para poñer en valor a súa figura como sobresaínte retratista e magnífico fotógrafo social, devolvéndolle o espazo que merece na memoria e o patrimonio cultural de Galicia como un dos nosos mellores artistas visuais.
O interese desta mostra para a comunidade educativa radica na posibilidade de achegarse á vida e obra dun fotógrafo do máis alto nivel, e permite entender os resortes da creación visual. Polas súas características, a mostra é especialmente axeitada para alumnado dos últimos cursos de educación primaria, secundaria e bacharelato, así como grupos educativos de adultos.
- Comprender o valor da imaxe como canle de comunicación humana a través da fotografía.
- Analizar e comprender os segredos da representación fotográfica.
- Dar a coñecer a figura singular de Baldomero Pestana e a súa obra.
- Fomentar a capacidade do estudantado para expresarse coa fotografía.
- Valorar a arte fotográfica como unha creación humana complexa.
Nas visitas, adaptadas aos diferentes niveis educativos, profundaremos nos esquemas da representación visual empregando a obra de Pestana como ponte de excepción para comprender mellor a arte fotográfica.
A continuación, detállanse as principais capacidades que os grupos dos diferentes niveis educativos traballarán na visita educativa á exposición Pestana, a verdade entre as mans.
Educación primaria (último ciclo)
- Coñecer e empregar a fotografía como medio de expresión artística.
- Coñecer o medio físico, social e cultural a través da representación fotográfica.
- Explorar a experiencia estética, empregando a lingua como medio de comunicación de emocións e ideas.
- Adquirir habilidades de desenvolvemento individual e social nun contorno infrecuente.
- Ensaiar o respecto e cumprimento de normas básicas de convivencia social e das normas específicas do Museo.
- Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe fotográfica como medio de expresión e representación.
- Desenvolver o sentido crítico e a participación, a través da expresión da propia opinión como medio de desenvolvemento persoal. Comprender e expresar con corrección mensaxes complexas.
- Ampliar a súa capacidade de análise visual como canle de coñecemento.
- Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e a historia propias e alleas, así como o patrimonio artístico e cultural.
- Profundar na experiencia estética como canle de expresión.
- Desenvolver a sensibilidade artística a través da fotografía.
- Comprender a importancia da cultura visual na sociedade contemporánea.
- Explorar as posibilidades expresivas da fotografía e as artes da imaxe.
- Coñecer e respectar outras realidades culturais.
- Consolidar a madurez persoal e social a través do pensamento crítico.
- Expresar con fluidez e corrección as ideas propias de xeito autónomo
En función da dispoñibilidade de datas, o equipo educativo da Cidade da Cultura oferta a posibilidade de axustar contidos de visita personalizados para grupos con intereses específicos (ensino profesional, universitario, grupos de adultos...).
As actividades educativas consisten nunha visita comentada, cun percorrido discursivo deseñado expresamente para os diferentes niveis educativos, a través do cal se poderá coñecer a mostra e os seus contidos. Durante a visita estimularase a participación activa dos estudantes e o achegamento á fotografía a través de actividades adaptadas inseridas na visita.
A actividade ten unha duración recomendada de 75 minutos. Por debaixo desta duración o persoal educativo non pode garantir o desenvolvemento completo da actividade.
Ofértaselles aos docentes a posibilidade de efectuar unha visita previa á mostra para unha mellor preparación da actividade. Sempre que sexa posible, recoméndase esta visita previa co persoal educativo da Cidade da Cultura como procedemento óptimo para a preparación e desenvolvemento das actividades.
No correo de solicitude de visita deberase indicar:
- Data da visita
- Horario
- Centro e nivel educativo
- Número de estudantes e docentes que os acompañen
- Persoa responsable do grupo e móbil de contacto
- Observacións ou necesidades especiais
As quendas de visita serán asignadas segundo dispoñibilidade e por estrita orde de recepción da solicitude. Remitiráselle ao centro unha confirmación da visita.
As reservas deben facerse sempre por escrito a través do correo antes indicado, con independencia de calquera outra comunicación verbal ou telefónica.
Para máis información: 881 997 570/881 997 584






