Visitas comentadas | Xuventude Crea, máis dunha década

Mergúllate no pulo creativo dos mozos e mozas galegas dos últimos anos coas visitas comentadas á mostra Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado, unha mirada ao futuro, unha escolma de pezas de moda, graffiti, banda deseñada, artes plásticas, fotografía ou deseño de xoias que se teñen presentado ao abeiro deste certame.

Baixo o título De pel a pel. Achegas ás obras e aos seus creadores, a comisaria desta exposición retrospectiva, a artista, investigadora e xestora cultural Alexandra R. Rey, guiará unhas visitas moi especiais a este proxecto multidisciplinar e multixeracional, que tece unha liña do tempo a través de 29 obras dos creadores e creadoras que pasaron polo programa desde o seu arranque en 2010. Serán un total de catro quendas de visita coas que o Museo Centro Gaiás despedirá este proxecto expositivo, que chegaba á Cidade da Cultura en decembro tras pasar por varias cidades galegas, percorrido que continuará en 2022.

Alexandra R. Rey

A comisaria da mostra e condutora dos percorridos comentados é Alexandra R. Rey, artista, investigadora e xestora cultural que entende a arte como unha ferramenta transformadora da sociedade. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cun Máster en Arte Contemporánea, creación e investigación pola Universidade de Vigo e un Máster en Valoración e Xestión do Patrimonio cultural. Foi seleccionada para o concurso Novos Valores 2019 e 2020 (Museo de Pontevedra), e no Encontro de Artistas Novos (EAN) 2019. Tamén na III Bienal Internacional de Arte Gaia (Vilanova de Gaia, 2019) e o Certame Plastika18 (Sala X, Facultade de Belas Artes de Pontevedra, 2019) no que recibiu un accésit. 

Como xestora cultural desenvolveu proxectos culturais comprometidos socialmente con mulleres como Fío e agulla. Tecendo historias , no Concello do Grove ou Una de cada tres coa asociación de mulleres artistas Blanco Negro e Magenta, da que é membro da xunta directiva, traballando para darlle visibilidade á figura da muller artista. 

Programa de creación 

Xuventude Crea é un programa dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que a Consellería de Política Social convoca cada ano, dende o 2010, co obxectivo de fomentar a creatividade entre a mocidade galega, facendo un seguimento da súa obra e poñéndoa en valor mediante a difusión e a promoción. Así, dende a Xunta de Galicia recoñécese a capacidade de innovación e creación da xuventude dándolle visibilidade aos seus proxectos cun certame que se divide en 14 categorías diferentes.