Percorrido guiado polo persoal especializado do Museo Centro Gaiás no que poderás achegarte á traxectoria vital e artística de Rafael Úbeda, un dos pintores galegos máis recoñecidos dos últimos tempos. A mostra Rafael Úbeda. Visión retrospectiva abrangue unha ollada completa da súa traxectoria creativa, afondando nos fitos máis relevantes da súa obra e das pezas representativas que marcaron cada etapa do camiño.
O artista, logo de sete décadas en activo, representa unha parte da historia da arte que enriquece o patrimonio de Galicia, así como unha das figuras das artes plásticas máis notables en España con conexións en diferentes lugares e escolas de Europa.
Esta mostra supón un relato pictórico que ten en conta as súas etapas vitais, moi vencellada aos lugares nos que habitou (Pontevedra, Madrid, Holanda e Italia). A exposición propicia unha viaxe polo universo e a biografía dun creador que representa un dos nomes principais da pintura galega. Así, o Museo Centro Gaiás reúne nesta mostra 56 pinturas, cinco debuxos e unha peza audiovisual inédita que axuda a comprender a súa evolución.

Información a ter en conta
- De balde
- As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.






