Visitas comentadas | Nicolás Muller. Vento Norte

Nicolás Muller. Vento Norte revisa e recupera o traballo realizado polo fotógrafo de orixe húngara no norte de España durante a segunda metade do século XX. Un relato que desvela a súa ollada, fondamente humanista, sobre as xentes traballadoras e a beleza das paisaxes de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra, e que se completa cun apartado denomidado «Obras Mestras» no que se recollen algúns dos seus traballos máis célebres.

Da man dos guías da Cidade da Cultura poderás coñecer a fondo as características e motivos que definen a obra de Nicolás Muller (Oròsháza - Hungría, 1913 - Llanes - Asturias, 2000), considerado un dos grandes referentes da fotografía documental do pasado século. Cunha vida marcada pola fuxida da Segunda Guerra Mundial e a procura da paz e da liberdade, Muller mantivo unha ollada comprometida coa realidade do seu tempo e moi especialmente coas clases traballadoras.

As fotografías que forman o groso da exposición correspóndense cos traballos realizados por Muller nos anos 60, cando recibe o encargo de realizar fotografías para unha serie de libros ilustrados que amosasen a riqueza da paisaxe e da cultura das diferentes rexións de España. Trátase, na súa maioría, de fotografías que ben non foran impresas no seu día ou ben se empregaron nunha pequena proporción nas publicacións, case sempre con encadres recortados que deturpaban a súa entidade e beleza. Nicolás Muller. Vento Norte recupéraas no seu formato orixinal, reivindicando a calidade destes traballos no conxunto da obra fotográfica de Muller.

Información a ter en conta

  • De balde
  • As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
  • Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
  • A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
  • Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.
 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h