Vinde descubrir a maxia das estrelas e as noites de Compostela na Cidade da Cultura. O complexo do Gaiás acolle as sesións de observacións astronómicas, nas que poder gozar das estrelas e da arquitectura do complexo a un mesmo tempo. A través de telescopios e prismáticos, e seguindo as explicacións técnicas de monitores, observaredes a lúa, planetas, estrelas dobres, nebulosas…
Ademais, coa axuda dun planisferio, aprenderedes a identificar as constelacións á primeira ollada e poderedes participar en sesións especiais como ‘A noite das Perseidas’, para gozar a noite do 12 de agosto das ‘bágoas de san Lourenzo’. Este ano coa lúa en fase nova, as condicións son moi favorables nesa noite, momento no que se prevé o máximo de actividade de estrelas fugaces.
Unha oportunidade única de descubrir a cara menos coñecida e máis misteriosa da Cidade da Cultura! Todas as sesións son de balde previa reserva neste web. Recoméndase traer roupa de abrigo para participar na actividade e, no caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a sesión trasladarase ao auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
