Descobre a maxia das estrelas e as noites de Compostela na Cidade da Cultura.
O complexo do Gaiás acollerá un ano máis as sesións de observacións astronómicas, nas que poderá gozar das estrelas e da arquitectura do complexo a un mesmo tempo.
A través de telescopios, prismáticos e planisferios, e seguindo as explicacións técnicas dos monitores, os participantes observarán planetas coma Xúpiter e Mercurio ou fenómenos tan curiosos como o das estrelas dobres.
Este ano volverán organizarse sesións especiais como “A noite das Perseidas”, para gozar a noite do 11 ao 12 de agosto da choiva de estrelas “As lágrimas de san Lourenzo”, ao tempo que se celebrarán tres obradoiros didácticos ao redor dos reloxos de sol, os telescopios e os meteoritos.
Unha oportunidade única de coñecer a cara quizais menos coñecida e máis misteriosa da Cidade da Cultura.
OBRADOIROS DIDÁCTICOS
Obradoiro de reloxos de sol
12 xullo, 17:30 | Auditorio da Biblioteca de Galicia
Dende a antigüidade levan usándose para a medida do tempo os movementos dos astros, fundamentalmente da Terra. Debido á rotación do noso planeta, nós vemos como o Sol aparentemente se move durante o día de leste a oeste, cunha velocidade bastante regular. Este fenómeno pode usarse para medir as horas, e de feito se leva facendo dende hai séculos mediante os reloxos de Sol. Galicia e a Comunidade española onde mais reloxos de sol existen.
O obxectivo deste obradoiro é mostrar as bases de como funcionan estes interesantes aparellos, describir os diferentes tipos e ensinar a construilos de xeito sinxelo. No obradoiro estarán presentes dous reloxos de Sol, un horizontal e outro vertical, que serán utilizados como apoio didáctico.
Obradoiro de Telescopios
11 agosto, 21:00 | Auditorio da Biblioteca de Galicia
O telescopio é unha ferramenta fundamental en Astronomía. Os seus sistemas ópticos permiten ver obxectos moi lonxanos como se estivesen preto de nós, permitindo apreciar detalles que a simple vista non sería posible. Estes aparellos son agora máis accesibles para o público, aínda que para o seu correcto manexo cómpre dominar uns poucos conceptos, así como aprender a montalos correctamente.
Para este fin se organiza este obradoiro, de xeito que os asitentes sexan logo quen de sacarlle todo o partido posible aos seus telescopios ou os que pensen mercar. Na actividade estarán presentes diversos tipos de telescopios, tanto de espellos (reflectores) como de lentes (refractores), describíndose as características de cada un deles. Así mesmo se dará información sobre prismáticos.
Obradoiro de Bólidos e meteoritos
7 setembro, 21:00 | Auditorio da Biblioteca de Galicia
Ao longo da noite é frecuente observar no ceo unhas estelas de luz chamadas meteoros. Este fenómeno prodúcese pola entrada na nosa atmosfera de material cósmico de diferente tamaño, dende graos de pó e pequena pedriñas ata rochas de peso considerable. Debido á gran velocidade de traen e a fricción co aire, producen esas estelas coñecidas como estrelas fugaces, no caso das máis febles, e bólidos ou bolas de lume no caso das máis intensas. As pedras que dan lugar aos bólidos poden non desintegrarse completamente, chegando á superficie do noso planeta uns restos que coñecemos co nome de meteoritos.
Neste obradoiro, aparte de visualizar diversos bólidos gravados en vídeo, se describirán as distintas clases de meteoritos, a importancia científica que teñen, e a forma de recoñecelos. Na actividade estará presente unha colección de meteoritos.






