Valor e mestría | O fútbol como ferramenta de superación. La Liga Genuine Santander

Os beneficios da práctica do deporte non só se limita a unha actividade física ou competitiva, chega ás esferas emocionais e psicolóxicas. E neste senso, as persoas con discapacidade apóianse no deporte non só como ferramenta para a rehabilitación senón polos efectos beneficiosos do mesmo e polo que supón de superación de barreiras e mellora da autoestima para as persoas que o practican, á vez que é un importante instrumento de inclusión social.

Neste senso, entre o abano amplo e diverso de actividades para arroupar e dinamizar  a exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol  a Cidade da Cultura programa unha xornada baseada  nas experiencias en primeira persoa na que se amosa esta faciana do fútbol: o seu valor como ferramenta de inclusión social e de superación persoal.

Moderada por Juan Luis Cudeiro, xornalista deportivo de El País, abordará este tipo de experiencias en equipos inclusivos con:

  • O coordinador do proxecto de integración do Club Deportivo Lugo, Julián Castaño.
  • A directora da área social da Fundación Real Club Deportivo, Gelines Romero.
  • E desde a Fundación Celta Integra, será o técnico Alexandre Abalde.

Todos eles completará os relatos e as historias de superación que conforman estes tres equipos, os únicos galegos que compiten, neste intre, en La Liga Genuine Santander.

Esta competición está organizada por La Liga Santander, e trátase dunha experiencia pioneira no mundo, e está formada por equipos con xogadores con discapacidade intelectual.