Unha liña horizontal proxectada na pantalla treme. De súpeto, a liña multiplícase drasticamente coma se descargase a súa enerxía inmanente. Do mesmo xeito, cando Umeda treme no escenario, a enerxía oculta retida no seu corpo transmítese desde a pelve á columna vertebral, aos brazos, e finalmente á pantalla, na que a enerxía se visualiza mediante liñas curvas que lembran unha coroa solar.
Cando as fervenzas e os ríos se ven de lonxe, parecen manter formas estáticas; con todo, cando un fai zoom sobre os mesmos obxectos a nivel microscópico obsérvase que están formados por movementos incesantes tales como ondas, vórtices e contracorrentes.
Baseado neste concepto creativo, Umeda reinterpreta as partículas non como moléculas estáticas, senón como ‘partículas activas (ou puntos de masa)’; e visualiza, no espazo, a forza intensional que as partículas agochan. As formas transitorias das partículas dixitais que formulan imaxes de sólidos disolvéndose, sublimación de líquidos e algoritmos de transferencia de temperatura e calor, sincronízanse e sintetizan cos movementos de Umeda, producindo un universo enteiro que baila como un organismo vivo.
O residuo de calor que ferve a lume lento despois da experiencia dunha sobrecarga de información como esta permanecerá moito tempo nos corpos do público.
Hiroaki Umeda
Coreógrafo e bailarín, Hiroaki Umeda é unha das principais figuras da escena artística de vangarda xaponesa. Desde o lanzamento da súa compañía S20, as súas pezas de danza sutís pero violentas viaxaron por todo o mundo con gran éxito de crítica. Umeda é coñecido pola súa metodoloxía artística altamente holística con forte bagaxe dixital, que considera non só elementos físicos como a danza, senón tamén compoñentes ópticos, sensoriais e, sobre todo, espazo-temporais como parte da coreografía.
Baseado no seu profundo interese pola coreografía do tempo e do espazo, Umeda difundiu o seu talento non só como coreógrafo e bailarín, senón tamén como compositor, deseñador de iluminación, escenógrafo e artista visual.
SINTE. Foro internacional de arte e cultura dixital
Función incluída dentro da programación de SINTE, espazo de pensamento e diálogo ao redor da creación dixital contemporánea, os seus retos e oportunidades. O 20 e 21 de novembro, a primeira edición deste Foro Internacional de Arte e Cultura Dixital reúne en Santiago de Compostela algunhas das voces máis recoñecidas do momento neste ámbito.
Artistas, estudios, especialistas en xestión cultural e representantes dalgúns dos espazos de exhibición máis dinámicos e innovadores achegarán no Gaiás a súa visión sobre o presente e o futuro da arte e das industrias creativas nun contexto onde as transformacións tecnolóxicas están a exercer unha presión inusitada sobre o campo cultural, os consensos das últimas décadas semellan esgotarse, e onde emerxe unha nova arte dixitalizada e, con ela, novos coñecementos e novos interrogantes.


