Roteiros de outono

Natureza, deporte e coñecemento. Este outono, a Cidade da Cultura convídate a descubrir o seu rico patrimonio natural a través duns roteiros guiados polas novas zonas verdes do complexo. Unha andaina duns 5,5 quilómetros e dúas horas de duración na que ademais de camiñar polo monte, coñecerás a flora que poboa o Monte Gaiás ao tempo que descubres características, anécdotas e lendas asociadas a cada especie.

Os Roteiros do outono preséntanse como unha visita de interpretación da natureza onde coñecer as diferentes especies arbóreas do Bosque de Galicia, gozar do poético Xardín Literario con vistas á catedral ou descubrir os segredos do Parque do Lago. A ruta será circular, con saída no Multiusos Fontes do Sar e chegada ao mesmo punto, atravesando a aldea do Viso.