Residencia COMTECART | Programa REGA 2022

A Cidade da Cultura amplía o abano do seu Programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA 22) incorporando a creación dixital e os videoxogos coa Residencia COMTECART. Esta nova residencia nace da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Cidade da Cultura para dar pulo ao talento artístico, narrativo, de deseño e tecnolóxico do alumnado da universidade, que se combinará en equipos multidisciplinarios para a creación de proxectos de videoxogo a partir da novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín. 

Un total de 9 estudantes e titulados recentes en Belas Artes, Comunicación Audiovisual, Telecomunicación, Enxeñaría Informática e Publicidade, foron seleccionados pola Universidade de Vigo para participar nesta primeira Residencia COMTECART. Á hora de escoller as persoas aspirantes, tivéronse en conta tamén criterios como a súa formación en creación de contidos audiovisuais, narrativa, arte, deseño gráfico ou programación, a súa experiencia demostrable no desenvolvemento de videoxogos, as súas habilidades de comunicación e capacidade de traballo en equipo, a súa creatividade ou o manexo do motor gráfico Unity. 

A residencia COMTECART no Gaiás

As persoas seleccionadas traballarán en grupos multidisciplinarios de 5-6 persoas no desenvolvemento dun prototipo de videoxogo de nova creación tomando como base no libro Arnoia Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Publicada orixinalmente en 1985, a novela narra a viaxe e aventuras de Nmógadah, un dos Príncipes Segredos das terras de Arnoia, despois de que un pobo veciño invada a súa terra e se vexa forzado ao exilio.

A residencia ten un carácter intensivo ao longo de 5 fins de semana durante os meses de marzo e abril. Os grupos traballarán 4 fins de semana na Cidade da Cultura mais unha xornada de traballo en liña, e estarán titorizados por profesorado da Universidade de Vigo. Os horarios das residencias na Cidade da Cultura serán: os sábados de 10 a 14 horas e 16 a 20 horas e os domingos de 10 a 14 horas.

A Cidade da Cultura e a Universidade de Vigo correrán cos gastos de desprazamento, aloxamento e manutención das persoas participantes na Residencia COMTECART.

Os prototipos de videoxogos daranse a coñecer ao público unha vez rematado o período de residencia no Gaiás. 

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Ata 19 Mar 2024
Convocatoria pechada