Residencia artística Efemérides 2024

Efemérides 2024 é unha residencia artística que acolle o XVI encontro da Banda Sinfónica Galega e que, por primeira vez, se realiza na Cidade da Cultura. As xornadas celébranse entre o 29 de xullo e o 3 de agosto e están pensadas para incentivar a mellora formativa dos 65 músicos que compoñen a Banda Sinfónica. Durante a residencia, estes artistas novos estarán acompañados do profesor de vento madeira Carlos Timiraos Timiraos, o profesor de vento metal Carlos Figueira Abuín, o profesor de percusión Diego Rosal Chaves, así como do director artístico do proxecto, David Fiuza Souto. 

Esta residencia artística contribúe á divulgación da música galega, achega aos músicos repertorio que difícilmente se interpreta nas bandas populares e potencia a Banda Sinfónica Galega como un conxunto instrumental que defende e promove os valores de todas as bandas de música populares galegas. A Banda Sinfónica Galega é a agrupación que representa á Federación Galega de Bandas de Música Populares e está integrada por músicos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Funciona mediante unha convocatoria pública de carácter bianual e as candidaturas son escollidas por un grupo de mestres de recoñecido prestixio

Un concerto para conmemorar as efemérides centenarias

 A residencia Efemérides 2024 culminará cun concerto da Banda Sinfónica Galega o sábado 3 de agosto ás 21,00h na Praza central. O acto constará dun programa configurado cun repertorio vinculado ao ano 24 dos séculos XIX-XX-XXI no que se engloba unha perspectiva estilística variada. Dende repertorio clásico que nace trala extensión dos grupos de música de cámara; pasando polo  poema sinfónico de Ottorino Respinghi de 1924; ata situarnos na actualidade, momento no que se estreará a obra do compositor galego Santiago Barreira. A entrada e libre e de balde ata completar capacidade.