REGA 23 | Residencias artísticas do Gaiás

As Residencias Artísticas do Gaiás encadran unha serie de actuacións estratéxicas que teñen como finalidade apoiar o talento e dar visibilidade á creación artística e cultural contemporánea, tanto galega como internacional. Logo de dúas edicións, en 2021 e 2022, o programa consolídase en dous formatos principais: unha convocatoria de libre concorrencia dirixida a artistas a través das convocatoria das axudas REGA, e aquelas residencias que se desenvolven en colaboración directa con organizacións e entidades de referencia no panorama cultura galego.

As REGA defínense polo seu carácter diverso e integrador, ao dar cabida a propostas de vangarda que transitan as linguaxes da danza, as artes vivas, as escénicas, a música, a literatura, as artes visuais e as artes plásticas. Consolidan, ademais, o papel da Cidade da Cultura como rótula do ecosistema cultural galego e nexo que impulsa colaboracións entre artistas, colectivos e entidades que traballan no sector, na liña dos obxectivos establecidos no segundo Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2021-2027.

#REGA23 prestará apoio a unha vintena de novos proxectos artísticos e culturais en 2023 que tirarán proveito dos espazos, recursos técnicos e relacionais da Cidade da Cultura para dar os seus primeiros pasos.

O Centro Dramático Galego, a Asociación Cultural AÏS e o Festival RESIS de música contemporánea e o colectivo RPM son algunhas das entidades coas que a Cidade da Cultura vén colaborando para dar forma ao programa de residencias artísticas. Nesta terceira edición, as REGA reforzan os seus vínculos con organizacións de fóra de Galicia, como a Compañía Nacional de Teatro de México, a compañía Léndias d’Encantar (Portugal), o Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai e o grupo Teatro D’ Dos (Cuba).

RESIDENCIA LITERARIA 2023

Residencia Literaria Cidade da Cultura 2023 Apoiar o talento emerxente nas letras e na literatura mediante o intercambio de saberes e experiencias, a análise e posta en común do traballo e o diálogo con outras disciplinas artísticas son os piares da Residencia literaria da Cidade da Cultura, que chega á súa terceira convocatoria en 2023. Ofrece 10 prazas para autoras e autores noveis que busquen perfeccionar os seus proxectos de narrativa durante unha estadía intensiva no Gaiás e co acompañamento de Javier Peña, director da residencia, e das autoras Marilar Aleixandre e Brenda Navarro, convidadas nesta edición. O prazo de inscrición está aberto ata o 20 de marzo de 2023 e a Residencia literaria desenvólvese do 3 ao 15 de xullo.

 

CLÁSICAS DESFEITAS VOL. 6, 7 E 8

Clásicas desfeitas 23 Clásicas desfeitas, ciclo coproducido polo Centro Dramático Galego da AGADIC e a Cidade da Cultura, permite redescubrir clásicos literarios a través doutras disciplinas artísticas. En 2023, ábrese ao encontro internacional con propostas que dialogan con artistas e compañías de Galicia, Portugal, México, Cuba e Uruguai. O Volume 6 toma a figura de Antígona como punto de partida para reflexionar desde o presente sobre a lei, a transgresión e a xustiza. Os Volumes 7 e 8 formarán un díptico ao redor das figuras fundacionais da literatura galega e mexicana: Rosalía de Castro e Sor Juana Inés de la Cruz, nun diálogo entre o CDG e a Compañía Nacional de Teatro de México. Presentaranse en marzo na Cidade da Cultura.

 

AXUDAS REGA 2023

Bolsas REGA 23

A segunda convocatoria de axudas á creación do programa de Residencias Artísticas do Gaiás abre este verán na procura de proxectos artísticos e culturais vencellados ás artes visuais, escénicas, á música e ao deseño. As axudas REGA están dotadas con 8.000 euros cada unha, así como cos recursos técnicos e espazos necesarios para que as e os artistas poidan materializar as súas propostas nunha estadía de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura. Ademais, contarán cunha persoa mentora especialista que acompañará cada iniciativa. O prazo de solicitude está aberto do 2 de xuño ao 3 de xullo de 2023.

 

RESIS EN RESIDENCIA — «PLASMA»

PLASMA

«PLASMA» é un proxecto de realidade virtual que ofrece a oportunidade de entender, través da imaxe e da música, como se constrúe o universo dun concerto de música contemporánea. O compositor Pedro González e os ensembles Klexos e Mosaik definirán durante a súa residencia no Gaiás os materiais multimedia e fragmentos musicais cos que darán forma a un concerto/performance interactivo que se presentará en maio no festival RESIS 2023. «PLASMA» poderá experimentarse tamén no Museo Centro Gaiás na forma dunha instalación inmersiva que permite a exploración das paisaxes abstractas e musicais derivadas do proceso de creación da peza. RESIS en Residencia realízase en colaboración coa asociación cultural AÏS.

 

RESIDENCIAS PARAÍSO 2023

Residencias Paraíso 23

A Cidade da Cultura forma parte, un ano máis, da rede de centros artísticos e culturais que acollen as Residencias Paraíso, programa anual impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para apoiar o desenvolvemento de proxectos relacionados coa danza e as artes vivas. As Residencias Paraíso, diríxense a artistas de Galicia, do resto do territorio estatal e tamén a artistas de Portugal. A Cidade da Cultura acollerá, nos meses de xuño e xullo, 2 das 9 propostas seleccionadas nesta sétima edición do programa, nunha residencia compartida co Salón Teatro de Santiago de Compostela.

 

 
Letras & Pensamento