Residencia Literaria da Cidade da Cultura | REGA 2023

A terceira edición da Residencia Literaria da Cidade da Cultura ten aberto ata o 20 de marzo de 2023 o seu prazo de inscrición para escritoras e escritores emerxentes que queiran perfeccionar os seus proxectos de novela ou relatos a través da posta en común de experiencias e coñecementos, e co acompañamento de autoras de referencia nas letras galegas e españolas.

A Residencia Literaria constrúe un espazo distendido de confianza e respecto mutuo no que é posible compartir os propios textos, lecturas, análises, críticas e eloxios como unha maneira de combater a soidade e a falta de guía que moitas veces enfrontan as autoras e autores noveis. A experiencia enriquécese ademais con intercambios con outras disciplinas artísticas e proxectos das Residencias Artísticas do Gaiás, visitas a institucións e participación en eventos vencellados ao mundo do libro e da literatura, como a Feira do Livro de Braga.

Nesta terceira edición, a galega Marilar Aleixandre e a mexicana Brenda Navarro serán as dúas autoras destacadas que compartirán os seus saberes coas participantes da Residencia, que dirixe o escritor e profesor de escritura creativa Javier Peña.

Proxectos de narrativa

Ofértanse un total de 10 prazas, con preferencia para aquelas persoas nadas no ano 1987 e posteriores. Para participar é necesario enviar debidamente cuberto o boletín de inscrición que figura no apartado de descargas, acompañado da documentación requirida pola convocatoria:

  • Copia do DNI ou certificado de empadroamento
  • Breve CV con atención especial a aquelas experiencias relacionadas coa escritura
  • Un informe completo (máximo de 1.200 palabras) acerca do proxecto a desenvolver na Residencia
  • Unha mostra de escritura (mínimo de 1.000 palabras, máximo de 2.000)

Poderán presentarse proxectos de narrativa (novelas de ficción, novelas de non ficción —autoficción— e coleccións de relatos, orixinais e inéditos, con independencia do seu estado de desenvolvemento: completo, (obra rematada inédita), intermedio (obra iniciada mais non completada) ou inicial (desenvolveuse a sinopse e o traballo previo, mais non se comezou a escrita).

A participación está dirixida a persoas nadas ou residentes en Galicia e o prazo de inscrición está aberto ata o 20 de marzo de 2023.

 

Autoras participantes na Residencia Literaria 2023

BRENDA NAVARRO

Coordinadora de programas literarios, redactora, guionista, reporteira e editora. Casas vacías, a súa primeira novela, editada por Sexto Piso en 2020, foi distinguida co XLII Premio Tigre Juan e publicada en oito idiomas.

A súa segunda novela, Ceniza en la boca, publicouse en 2022 e nese mesmo ano obtivo o Premio Cálamo ao mellor libro do ano, o Premio ao mellor libro do ano en categoría ficción outorgado pola Asociación de Librerías de Madrid e o Premio Todos tus libros como mellor libro de ficción. Será traducida ao francés e ao portugués.

Foto: Jimena Cortés


Brenda Navarro

MARILAR ALEIXANDRE

Marilar Aleixandre ten a lingua gallada aínda que, segundo ela, non todos os bichos con lingua bífida son perversos. Di que roubou unha lingua e lembranzas doutras infancias para escribir en galego. Ten unha identidade escindida entre escritora e naturalista, talvez por iso a súa poesía está inzada de plantas ventureiras (Desmentindo a primavera, Desescribindo), e animais rebeldes (Ovella descarreirada). Acadou premios de poesía, o Esquío 1998 por Catálogo de velenos, o Caixanova-PEN 2007 por Mudanzas, reescrita feminista das Metamorfoses, estes xunto con Abecedario de árbores, reeditados como Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017). En 2022 acadou o Premio Nacional de narrativa –primeira muller galega– pola novela As malas mulleres (Galaxia, 2021), antes premio Blanco Amor. A súa narrativa recibiu os premios Álvaro Cunqueiro 1997 (A Compañía clandestina de contrapublicidade), ou Xerais 2001 por Teoría do caos. Con todo, o que prefire escribir son relatos, O coitelo en novembro (Xerais 2010) ou Lobos nas illas (Xerais, 1996). É asemade autora de literatura infantil e xuvenil: A expedición do Pacífico, A cabeza de Medusa ou A filla do Minotauro. Coidado coas narradoras, non se sabe quen é autora, quen personaxe. En 2017 ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces termando da paisaxe galega.

www.marilar.gal@MarilarAleix | Foto: Xoan Álvarez

Marilar Aleixandre

JAVIER PEÑA

Escritor, xornalista, divulgador literario e profesor de escritura creativa, deuse a coñecer coa súa novela de debut, Infelices (Blackie Books, 2019), que foi elixida entre as mellores do ano por críticos de medios de comunicación como a Cadena SER, RNE, La Voz de Galicia ou Zenda. A Infelices seguiulle unha segunda novela, Agnes (Blackie Books, 2021), que tamén se coou entre as mellores obras de narrativa do seu ano para medios como Esquire ou Forbes. Creador e coordinador das dúas edicións do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que se celebraron en 2019 e 2020, deseñou tamén os talleres de Casa Blackie, que imparte en liña e xa celebraron dez edicións. No ano 2022 puxo en marcha o podcast Grandes Infelices, que no seu primeiro ano sumou máis de cen mil descargas e se converteu nun podcast literario de referencia en España e América Latina. Antes de dedicarse plenamente á narrativa, foi xornalista deportivo no Diario AS, asesor político na Xunta de Galicia e co-dirixiu a web cultural galega Inorantes (2018-2019). É o director da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dende a súa primeira edición en 2021.

Javier Peña