Reapertura presencial da Biblioteca de Galicia e Museo Centro Gaiás

A Biblioteca de Galicia e o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura reiniciaron a súa actividade presencial xa que ambos mantiveron a súa atención telemática e a programación en liña desde o estado de alarma sanitaria pola pandemia da COVID-19— coa apertura progresiva dos equipamentos en varias fases e a reincorporación do seu persoal. Fano a través dun protocolo específico que establece pautas e medidas de protección e hixiene co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria para traballadores/as e usuarios/as.

MUSEO CENTRO GAIÁS

No que respecta ao Museo Centro Gaiás, recuperara a súa actividade presencial, tras unha semana de actuacións preparatorias. Tamén o fai en tres fases diferenciadas.

  • Na primeira abre preservando un terzo da súa capacidade.
  • As visitas limítanse as maquetas arquitectónicas da Cidade da Cultura  e á exposición Redeiras, unha profesión con historia. Ambas situadas no andar 0 do Museo Centro Gaiás.
  • Apertura de luns a domingo, de 10 a 20 horas, xunto ao seu Servizo de Información Pública, situado tamén no andar 0 das instalacións.
  • O público non poderá tocar ningún elemento museográfico e as visitas realizaranse de xeito individual, permitindo unidades familiares ou de convivencia, pero non a reserva de grupos.

Transcorrido un período mínimo de dúas semanas dará comezo a segunda fase coa incorporación progresiva do persoal que determine o protocolo da Xunta para a volta ao traballo dos empregados públicos. E xa na terceira fase os museos poderán contar coa metade da súa capacidade, mantendo os requisitos anteriormente sinalados.

Cómpre lembrar que, a raíz do confinamento, a Cidade da Cultura potenciou os recursos dixitais culturais. En concreto, no Museo Centro Gaiás, dixitalizou a exitosa exposición Galicia, un relato no mundo.

BIBLIOTECA DE GALICIA

A Biblioteca de Galicia reabre as súas portas xunto ao resto das seis bibliotecas públicas da rede autonómica. Todas elas operan desde hoxe tras realizar na última semana as actuacións previas establecidas polo Ministerio de Sanidade. Trátase ademais da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura; da Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, da Biblioteca de Lugo, da de Ourense, da Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago e da Biblioteca Juan Compañel de Vigo.

As actividades autorizadas na Biblioteca de Galicia serán as seguintes:

•  Reapertura da sala de lecturas e consulta nos ordenadores de uso público. A capacidade da sala de lectura da Biblioteca de Galicia queda reducido a 41 postos. Poden levarse apuntes en papel e tamén se pode acceder con dispositivos móbiles (tabletas, ordenadores, móbiles...). O horario será de luns a venres de 09:00 a 21:00 horas.

•Préstamo e consulta en sala dos fondos custodiados na biblioteca. As obras poderán ser solicitadas polos usuarios (preferentemente mediante petición ou reserva anticipada) e serán proporcionadas polo persoal da biblioteca.

• Ningunha obra do catálogo da Biblioteca de Galicia será susceptible de préstamo a domicilio. Aquelas que puntualmente aparecen no catálogo da biblioteca como DISPOÑIBLES están suxeitas a condicións de préstamo especiais. Polo momento, queda excluída calquera opción de consulta destas obras fóra das instalacións da biblioteca.
• Información bibliográfica e bibliotecaria.
• A petición previa dos fondos poderá realizarse a través do correo electrónico bibliotecadegalica@xunta.gal, nos teléfonos 881 999 279 / 981 545 070 ou mediante o formulario de préstamo creado expresamente para
esta fase da desescalada dispoñible na páxina web da biblioteca.
• O usuario será informado, ben por teléfono ou por correo electrónico, do día no que poder acudir a consultar a obra solicitada.
• Poderanse consultar un máximo de tres ítems por usuario e día, agás causa xustificada. Se un usuario precisa consultar un mesmo documento máis dun día, deberá indicar esta circunstancia ao persoal da
biblioteca. Permitirase a reserva dese documento durante un máximo de 5 días consecutivos.
• Unha vez consultadas as obras, devolveranse ao persoal da biblioteca, que as depositará nun lugar apartado durante polo menos catorce días.
• O horario de apertura da biblioteca será de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas. Durante a fin de semana permanece pechada, ao igual que o Arquivo de Galicia.

No tempo en que estea vixente a Orde SND/399/2020 a Biblioteca de Galicia NON prestará os seguintes servizos:


• Actividades culturais, así como calquera outro servizo destinado ao público distintos dos expresamente mencionados como autorizados.
• As coleccións en libre acceso (obras conservadas na sala de consulta) permanecerán pechadas ao
público. Poderanse consultar as obras destas coleccións pero só previa solicitude ao persoal da
biblioteca.

Para cumprir coas medidas de hixiene e/ou de prevención establecidas, a Biblioteca de Galicia informa das seguintes medidas:

• Establecese unha redución da capacidade ao trinta por cento (30%) para garantir que se cumpren as medidas de distancia social (2 metros). En total os postos de consulta da biblioteca quedan reducidos a 41.
• Os usuarios NON poderán acceder á biblioteca con libros ou calquera outro tipo de documentos propios. Permitirase o acceso con dispositivos electrónicos móbiles (smartphones, tablets e ordenadores portátiles). Queda expresamente prohibida a utilización destes dispositivos como ferramentas para o estudo na sala de lectura da biblioteca.
• Na zona de acceso e nos puntos de contacto co público, situaranse dispensadores de xeles
hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade virucida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade.
• Os lugares de atención ao público dispoñerán de medidas de separación entre os traballadores da biblioteca e os usuarios.
• Os usuarios da biblioteca poderán facer uso dos aseos públicos aínda que a súa ocupación restrinxirase a unha soa persoa de cada vez, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia, nese caso tamén se permitirá a utilización polo seu acompañante. A limpeza e desinfección dos aseos realizarase, como mínimo, seis veces ao día.

ARQUIVO DE GALICIA

No que respecta aos arquivos, e en concreto o Arquivo de Galicia situado no complexo da Cidade da Cultura, desde o pasado 4 de maio a Xunta traballou na realización das actuacións preliminares precisas para favorecer a volta á actividade. Desde entón, mantívose a atención telemática agás naqueles casos que fose absolutamente imprescindible, sempre con cita previa, e limitando a 10 os documentos ou unidades de instalación física por xornada de traballo. Toda a documentación ou materiais aos que acceden as persoas usuarias deben quedar en corentena de 10 días como mínimo nun espazo habilitado a tal fin antes de ser empregados de novo.

Así pois, este luns os arquivos inician tamén tres fases de recuperación progresiva da súa actividade. Na primeira comezará a traballar o persoal que determine o protocolo xeral da Xunta nas condicións establecidas. Cada instalación deberá ter xa dispoñibles os dispensadores de xel hidroalcohólico na entrada do centro, nos baños e nas salas. Na segunda fase, a consulta en sala estará limitada a un terzo da súa capacidade, garantindo a distancia interpersoal, e os materiais que precisen ser consultados serviranse baixo petición ao persoal do arquivo e a terceira fase completarase coa incorporación progresiva do persoal empregado público que fixe o protocolo da Xunta.

Ademais do Arquivo de Galicia este protocolo tamén inclúe ao do Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña; e os Arquivos Históricos Provinciais de Ourense, Pontevedra e Lugo.

23 EQUIPAMENTOS CULTURAIS XESTIONADOS POLA XUNTA

En total, a Xunta de Galicia xestione 23 equipamentos culturais repartidos por toda a Comunidade entre bibliotecas, museos e arquivos. Nos últimos días, cada centro directivo traballou nas actuacións necesarias para a reapertura seguindo as indicacións fixadas polo Goberno central no Boletín Oficial do Estado (BOE), o que se completa co protocolo autonómico aprobado polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop).

Nel recóllense, ademais, medidas para traballadores, usuarios e directrices de limpeza nas instalacións. Neste sentido, a Xunta facilitará ao persoal os medios e equipos de protección que se establezan obrigatorios e adaptará a disposición dos postos de traballo, establecendo distancias mínimas de dous metros entre persoal de mesas e mostradores. Pola súa banda, os usuarios deberán cumprir tamén estas medidas de hixiene e desinfectar as mans con solucións hidroalcólicas que se facilitarán no acceso ás distintas dotacións. Polo que respecta ás tarefas de limpeza, prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuente, como mostradores, pomos de portas, mesas, mobles ou pasamáns.