Con motivo da exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, a Cidade da Cultura pon en marcha un Progrma Didáctio para que a comunidade educativa se poida achegar a coñecer a persoal figura do Premio Nobel galego e as ricas arestas da súa creación literaria.
Obxectivos
- Dar a coñecer a figura multidisciplinar de Camilo José Cela, non só como escritor, senón tamén como editor, xornalista, ensaísta e académico.
- Comprender o contexto histórico no que Cela desenvolveu a súa actividade literaria como ferramenta para entender a súa persoal voz como escritor.
- Reflexionar de xeito activo sobre a creación literaria e os seus mecanismos, experimentando a creatividade a través da escritura.
- Dar a coñecer os procesos de custodia e transmisión do patrimonio literario e bibliográfico en Galicia.
- Incentivar a lectura a través dunha relación directa co texto e a creación escrita, así como coa figura do escritor.
Metodoloxía
- Visita didáctica, nun percorrido discursivo adaptado aos diferentes niveis educativos, para coñecer a mostra e os seus contidos.
- Actividade complementaria sobre a creación literaria, adaptada ao nivel educativo dos estudantes, que permita a participación activa para a fixación de conceptos.
Todas as actividades teñen unha duración recomendada de 90 minutos. Por debaixo desta duración o persoal educativo non pode garantir o desenvolvemento completo das actividades.
Ofértase aos docentes a posibilidade de efectuar unha visita previa á mostra para unha mellor preparación da actividade. Sempre que sexa posible, recoméndase esta visita previa co persoal educativo da Cidade da Cultura como procedemento óptimo para a preparación e desenvolvemento das actividades.
Actividades
Visita Nobel (Todos os niveis educativos)
Ademais da visita á exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, os grupos poderán acceder, de xeito exclusivo, aos depósitos da Biblioteca de Galicia, onde se custodia o patrimonio literario galego. A visita a este espazo, pechado ao público, irá acompañada de explicacións sobre os procesos que se levan a cabo na institución para descubrir o valioso legado bibliográfico que atesouran as instalacións do Gaiás. Xunto coa visita á mostra sobre Cela, este formato de visita permite aos estudantes seguir todo o proceso literario, dende a creación ata a conservación cara a posteridade.
Cóntame un conto (Todos os niveis educativos)
Aproveitando que o mundo da literatura vai tomar o Gaiás durante os próximos meses, involucraremos aos grupos educativos non só nos hábitos de lectura, senón tamén na creación literaria. Amosarémoslles as ferramentas básicas para diferentes procesos, creación de personaxes, estrutura narrativa, etc… De xeito que sexan aplicables tanto no eido da literatura como noutros campos coma no cine, nas series de televisión, na novela gráfica ou nos videoxogos.
Celaclube (Secundaria, Bacharelato e adultos)
A partires dunha escolma de textos do Premio Nobel, a visita á exposición desenvolverase de xeito activo coa participación dos alumnos, coma se dun pequeno club de lectura se tratase. Deste xeito, poñeremos en paralelo a vida persoal de Cela con mostras escolleitas da súa creación literaria, facilitando a comprensión da súa figura literaria.
| 594.69 KB |





