Este sábado 21 de novembro convidámosvos a coñecer de primeira man os procesos creativos das artistas seleccionadas nas Axudas REGA 2026. Arquitectura que se viste, música expandida, un viravento pluvial, poesía traducida a danza, o monstro da euxénese e novas conversas entre artistas. Seis proxectos de creación contemporánea que maduraron nas residencias artísticas da Cidade da Cultura. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade de cada espazo.
11.30 h. REGA 3 | «Arquitectura en lugares insospeitados» | Ventura Pérez

Ventura Pérez recupera “a idea do corpo como método para construír” en Arquitectura en lugares insospeitados. En lugar de empregar cimentos de metal, cemento ou pedra, a súa proposta usa como piar o propio corpo e as teas como material de construción. Arquitecturas-prenda (un pantalón, un quimono, unha gabardina) que poden vestirse pero tamén ser habitadas, transformándose a partir de tensións.
12.15 h. REGA 4 | «Viravento pluvial» | Carlos Fer

Carlos Fer está a deseñar un Viravento pluvial “que non pretende nin medir a auga nin indicar de onde vén o vento”. O seu proxecto, aínda que se inspira no funcionamento do pluviómetro, afástase “da obsesión por medir todo fenómeno e do estudo milimétrico” para crear, en troques, unha experiencia de contemplación na que “deixarse levar polas forzas atmosféricas”.
13 h. REGA 1 | «Series improbábeis de encontros encontrados» | Manuela Pereira
Un proxecto de investigación que se traducirá nunha serie audiovisual centrada en diálogos entre artistas galegos cos que achegarse “desde certa intimidade e rigor” ao seu traballo e formas de crear. Reivindicar a conversa informal “como fonte de coñecemento” e facer máis accesible a arte contemporánea ao público xeral, con especial atención ás artes plásticas e visuais, son dous dos obxectivos desta serie.
17.30 h. Museo Centro Gaiás, andar -1 | «In vitro Ex Vivo» | Judith Adataberna

Judith Adataberna constrúe, desde as artes novas e a tecnoloxía, un espazo inmersivo, un tanto inquietante, que recupera relatos e testemuños ao redor de cuestións como a euxénese, a manipulación xenética, e as políticas e tecnoloxías aplicadas á reprodución humana. A proposta vertébrase ao redor de tres elementos: o texto, a imaxe e a escultura.
18.30 h. Museo Centro Gaiás, andar -1 | «Levitare» | Suevia Rojo

Levitare. Movéndose por riba das palabras traduce ao movemento a poesía de Luísa Villalta e o seu arquivo persoal. Unha proposta de artes vivas na que Suevia Rojo, acompañada no apartado musical polo seu pai, Diego Rojo, transporta a palabra ao corpo —para levarnos do silencio á harmonía e ao seu eco— dialoga con ela desde o presente e activa tamén a súa propia expresión poética.
19.15 h. Museo Centro Gaiás, andar -1 | «Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor» | David Santos

David Santos presenta en concerto un novo tipo de instrumento musical: un contrabaixo expandido, “un pouco punki”, do que brotan cables unidos a circuítos cos que introducir percusións, ritmos e harmonías interpretados por pequenos autómatas e “trebellos” acústicos. Con el, o músico (e enxeñeiro) quere ampliar as posibilidades expresivas do instrumento con axuda das máquinas, pero sen recorrer a samplers ou sintetizadores.





