Deus te livre propón crear unha instalación a través de diferentes medios e soportes combinando o téxtil, o vídeo, o audio e a performance para reflexionar sobre as analoxías culturais transfronteirizas galega e portuguesa, á vez que se establece un paralelismo entre a figura de Fernando Pessoa e o autor da proposta, Sergio Marey, que serve como base de investigación das representacións LGTBI+.
O venres 22 de novembro ás 13.00 horas Sergio Marey presentará o resultado da súa residencia artística, realizada ao abeiro das Axudas REGA á creación, nun encontro aberto e gratuíto (con reserva de previa de praza) no Museo Centro Gaiás. Se queres saber algo máis sobre Deus te livre podes ler a entrada no noso blog.

Sergio Marey (Pol, Lugo) é un artista que traballa desde múltiples disciplinas aspectos que tocan á sociedade, en especial aqueles que teñen que ver coa diversidade de xénero e sexual, amosando ao tempo a riqueza cultural de Galicia. Entre as súas últimas pezas sobresae Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, peza gañadora da XIII Edición dos Premios Auditorio de Galicia, ou Todo o mundo é contra min-he peza performativa que desenvolveu durante as Residencias Paraíso 2024.



