Pensar antes de disparar | Obradoiro fotográfico ao redor da exposición «Nicolás Muller. Vento Norte»

Ao fío da exposición Nicolás Muller. Vento Norte, que remata a súa andaina no Gaiás o próximo 5 de novembro, organizamos para este mes de outubro unha actividade didáctica especial para que o estudantado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional descubra o potencial creativo e transformador da fotografía.

O obradoiro Pensar antes de disparar, impartido pola fotógrafa Carla Andrade, busca poñer en valor a reflexión e a mirada como principais ferramentas creadoras, de xeito que o alumnado sexa quen de situarse no lugar do fotógrafo, entender os seus xestos e decisións á hora de capturar a realidade e tamén de aplicalos eles mesmos fotografando a súa contorna máis próxima.

As rapazas e rapaces achegaranse á fotografía analóxica, analizarán as diferenzas entre a fotografía documental, o fotoxornalismo e a fotografía artística, e explorarán conceptos como o posicionamento ético do creador ante a realidade que o rodea. A actividade busca en todo momento a participación activa do estudantado.

O obradoiro organízase en dúas xornadas, os días 31 de outubro e 7 de novembro, con dúas quendas en horario de mañá (10.00 e 12.00 horas). No primeiro día, realizarase unha introdución teórico-práctica á fotografía analóxica, analizaranse os traballos de Nicolás Muller, da propia Carla Andrade e doutros fotógrafos/as e artistas complementarios. Ademais, as alumnas e alumnos participantes terán ocasión de tomar as súas primeiras imaxes empregando cámaras analóxicas desbotables. Como tarefa para casa, cada estudante deberá realizar unha pequena serie de entre 4 e 8 fotografías —con calquera tipo de dispositivo—segundo os parámetros e conceptos traballados previamente no obradoiro, que serán presentadas e postas en común no segundo día.

Para máis información e reservas, cómpre contactar no enderezo electrónico visitas@cidadedacultura.org

Carla Andrade

Carla Andrade é licenciada en Comunicación Audiovisual, cun Máster en Artist's Film & Moving Image na Universidade Goldsmiths de Londres, ademais de en Filosofía pola UNED. Esta intersección entre os medios de expresión visuais e un terreo máis próximo á reflexión é precisamente unha das facetas que máis define o seu traballo.

Realizou residencias artísticas e proxectos en Islandia, Nepal, Chile, Suecia, República Centro Africana, Barcelona ou París, entre outros lugares. O seu traballo presentouse de xeito individual en centros de arte contemporánea de Galicia e Euskadi, de xeito colectivo no Museo Guggenheim de Bilbao, MARCO de Vigo, Real Academia BBAA San Fernando, Tabacalera Madrid, CaixaForum, La Casa Encendida, Le 104 de París, Lux London, etc; en festivais internacionais de cine e fotografía e en países como EE. UU., Brasil, Alemaña, Reino Unido, Taiwán e Corea do Sur.

Recibiu recoñecementos como o Premio Mujeres-Foro-Dialogo Alliançe Française / Pilar Citoler (2012), Premio Absolut//Collection Emergentes Casa//Arte (2013), Premio Franc Vila de adquisición Galería Luis Adelantado (2013), 1er Premio Joven Artes Plásticas UCM (2014), Premio Fotografía Comunidad de Madrid SUMMA 2015 e Premio Panorama Filmic L'Alternativa Barcelona (2016), entre outros.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2