O TAC trae ao Gaiás "Músicas Nocturnas" de George Crumb

O Taller Atlántico Contemporáneo volve este outono á Cidade da Cultura no marco do ciclo Xornadas de música contemporánea cun monográfico que presenta tres das obras máis representativas do compositor norteamericano George Crumb, nado en Charleston (West Virginia) en 1929, e considerado continuador de Cage.

En Músicas Nocturnas, o espectador poderá gozar coa música de Crumb caracterizada por un enxeñoso colorido instrumental, como podemos apreciar en Vox Ballaenae (A voz das baleas), e polo trato exquisito da voz, para a que escribe numerosas obras que utilizan textos de Federico García Lorca, como é o caso de Madrigais e de Night Music

Programa

O TAC porá en escena o segundo volume de Madrigais (1965), escrito para soprano, percusión e un frautista que toca frauta en sol, frauta en do e o frautín. Crumb escribiu catro libros de Madrigais con distintas instrumentacións. Nos catro utiliza versos de Lorca que tratan sobre a vida, a morte, o amor, a terra, a auga e a chuvia. A música é sutil e íntima, de atmosfera sinxela, pero de coidadas gradacións sonoras.

Vox Ballaenae (A voz das baleas), para cello, frauta e piano amplificados, data de 1971 e está inspirada no canto dun xibardo que Crumb escoitara nunha gravación. Cada un dos tres intérpretes debe levar un anteface, co que Crumb trata de agochar o elemento humano para resaltar as forzas da natureza; a natureza deshumanizada. A obra consta de prólogo, variacións (que representan a eras xeolóxicas) e epílogo. Os cantos da balea conviven nesta obra con sons de gaivotas, do mar e con citas do Zarathustra de Richard Strauss. 

Night Music I (Música nocturna I), composta en 1963 e revisada en 1976, foi pensada inicialmente como unha obra instrumental, pero durante o seu proceso o compositor decidiu incluír versos de García Lorca. A obra, instrumentada finalmente para soprano, piano e dous percusionistas, consta de sete nocturnos que tratan de proxectar o violento contraste de emocións entre os dous poemas utilizados: La luna asoma, coa súa áurea estática e lírica e a intensa Gacela de la terrible presencia. O compositor pretende resaltar as imaxes surrealistas da poesía lorquiana por medio dun alto colorido cromático e inusuais xustaposicións de rexistros, timbres e formas rítmicas.

 
Música & Escena
 
Mai - Xuñ 2026
Convocatoria pechada
26 — 29 Mai 2026
Portas abertas: 29 Mai | 17 h