O paso do tempo: Maquinando

Quen non soñou algunha vez ser Xulio Verne e construír artefactos fantásticos, delirantes ou estrambóticos. Trebellos imaxinarios que nos permitan dar chimpos de xigante ou gardar lembranzas. Pois isto será posible a través do obradoiro Maquinando, de OQO Editora, no que os participantes poderán crear máquinas de todo tipo que teñan o tempo como fío conductor.

A través do libro Seis barbudos e os estrambóticos e delirantes medios de transporte que se presentan no conto, rapaces de entre 8 e 12 anos crearán unha colaxe coa que compor partes do entramado mecánico que corresponda a cada artefacto. Como bos enxeñeiros, usaranse os planos e as ferramentas: serra, chave inglesa, alicates... que, xunto con parafusos e torcas, servirán para crear os nosos particulares circuitos. E combinaranse os elementos presentes en toda máquina (poleas, pancas...) con imaxes da anatomía humana (cabeza, mans, extremidades...) e  sons e sinais acústicos que acompañarán a presentación e o funcionamento dos obxectos inventados.