Nexos convida... a Teresa Barro

Nexos convida...  volve este mes de novembro para recibir visitas imprevistas, tomar un café de media tarde e conversar con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento. 

Cando se cumpren 150 anos da publicación de Alicia no país das marabillas, a Cidade da Cultura ten o pracer de convidar a Teresa Barro, autora da tradución ao galego do libro de Lewis Carroll, do que tamén celebramos os 30 anos da súa publicación. A ensaísta establecerá unha conversa con Ramón Nicolás, con quen abordará o delicado proceso de tradución, en parte pola complexidade da linguaxe utilizada por Carroll no orixinal pero tamén pola escasa implantación que tiña neses momentos o galego na sociedade.

Teresa Barro (A Coruña, 8 de marzo de 1936) é dunha das ensaístas máis importantes de Galicia como demostran os seus traballos Cartas a Rosalía (Edición do Castro, 1981), O atraso psicolóxico da Galiza: Cartas a Emilia Pardo Bazán ou Dentro e fóra (2002). Residente en Londres desde 1963, Teresa Barro dedicou a súa vida á traducción en diferentes organismos internacionais e é a responsable da traducción ao galego de Alicia no País das Marabillas (Xerais, 1984) –polo que gañou o Premio Nacional de Traducción de Libros Infantís e Xuvenís- e Alicia do Outro Lado do Espello (Xerais, 1985) xunto co seu marido Fernando Pérez-Barreiro, ademais doutros clásicos como Os Contos de Andersen (Os Castro, 1983) e Fábulas de Esopo (Laiovento, 1997).

Ramón Nicolás (Vigo, 9 de xuño de 1966) é profesor, tradutor e escritor galego. É crítico literario do suplemento Fugas de La Voz de Galicia e colabora en Biblos. Revista Galega de Información Literaria. Tamén participou no programa da TVG Libro aberto e en iniciativas do Espazo Literario Caixanova. Dirixe a colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia desde 1995.

 

 
Letras & Pensamento