A música e o Camiño: a lírica medieval | Concerto didáctico en liña de Esperanza Mara

Nesta nova cita de concerto didáctico arredor das músicas do Camiño de Santiago, a soprano Esperanza Mara transportaranos á época medieval a través do son de arpas, salterios ou laúdes e das melodías da lírica galego-portuguesa.

Neste recital, a cativada terá a oportunidade de emprender unha viaxe no tempo para coñecer unha trobadora -ou trobairitz- moi especial e vivir con ela un feixe de aventuras, durante as que descubrirá que a lírica medieval non era só cousa de homes e atoparán un feixe de obxectos cotiás cos que sumarse desde a casa a interpretar algunhas das composicións.

O concerto A lírica medieval emprega tamén un recortable no que poderán ver os anciáns do Pórtico da Gloria tocando os seus instrumentos. A través do fío condutor do pórtico compostelán, un dos mellores referentes artísticos que temos para o coñecemento dos instrumentos medievais, a artista interpretará un repertorio baseado nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, ao tempo que nos irá amosando instrumentos que chegaron aos nosos días e que derivaron directamente dos que representou o mestre Mateo.

O público poderá así, grazas á maxia da música, transportarse aos sons que peregrinos de hai oito séculos podían escoitar ao longo do seu percorrido, e coñecer sobre o contexto histórico-musical no que se fixeron esas composicións.

Esperanza Mara

Esperanza Mara é unha artista e creadora multidisciplinar dobremente licenciada en música, na variante de canto e violonchelo barroco polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e a Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Oporto. Posúe un Máster en Interpretación en Música Antiga na especialidade de canto e actualmente realiza un en Investigación Musical. En 2018 crea emanArte, para a promoción, difusión e fusión da música clásica, onde desevolve proxectos como TecendoSoños, de recuperación de cantos de berce de tradición oral ou Operabreak´s, de ópera e cultura urbana.

Foto: Theresa P. Lousame